NOTICIA

----

A exposición “Nós mesmos. Asociacionismo galego na emigración”, inaugúrase hoxe en Xenebra por iniciativa do Consello da Cultura Galega e a Sociedade “A Nosa Galiza”

A exposición “NÓS MESMOS. ASOCIACIONISMO GALEGO NA EMIGRACIÓN”, realizada polo Consello da Cultura Galega a través do seu Arquivo da Emigración Galega, poderá verse desde hoxe ata o vindeiro 22 de xullo en Xenebra (Suiza), por iniciativa da Sociedade Cultural e Deportiva “A Nosa Galiza”.
A mostra, que xa percorreu diferentes países de Europa e América, será inaugurada hoxe ás 20 horas polo presidente do Consello da Cultura Galega, Ramón Villares, xunto co presidente da Sociedade “A Nosa Galiza”, Manuel Vilariño.


A exposición NÓS MESMOS. ASOCIACIONISMO GALEGO NA EMIGRACIÓN consta de sete bloques temáticos, desenvolvidos en 55 paneis, e permite seguir a evolución das sociedades microterritoriais e as dimensións mutualista, educativa, artística, cultural, sanitaria e política do asociacionismo galego na diáspora, lembra Pilar Cagiao, comisaria do proxecto xunto con Vicente Peña Saavedra. Esta iniciativa do Consello da Cultura Galega contou coa colaboración da Secretaría Xeral de Emigración da Xunta de Galicia.