----

Consello da Cultura Galega e Secretaria Xeral de Igualdade asinaron un convenio para a realización do II Ciclo “Creadoras Galegas de Imaxe”

O presidente do Consello da Cultura Galega, Ramón Villares, e a Secretaria Xeral de Igualdade da Xunta de Galicia, Susana López Abella, asinaron hoxe un convenio de colaboración para a realización do II ciclo “Creadoras galegas de imaxe”, que se desenvolverá no último trimestre deste ano e contará cun total de doce proxeccións. Trátase de dar a coñecer e difundir propostas e obras de mulleres, nomeadamente as máis novas, no espazo audiovisual e contribuír a paliar a desinformación e invisibilidade existente. A Secretaria Xeral de Igualdade subliñou a necesidade de favorecer ese obxectivo e salientou “o gran talento creativo feminino, do que temos excelentes mostras en Galicia”.

O presidente do Consello da Cultura Galega. Ramón Villares lembrou o inicio do ciclo, que se realizou en 2011 en Lugo, como un aspecto máis do traballo que leva a cabo a Comisión de Igualdade e agradeceu a colaboración da Secretaría Xeral de Igualdade. O presuposto do ciclo é de 4.500 euros, dos que a Secretaría Xeral de Igualdade achegará 2.500 euros.

A coordinadora da Comisión de Igualdade, María Xosé Agra, destacou, pola súa parte, a vocación de permanencia e itinerancia do ciclo “Creadoras galegas de imaxe” polos entornos urbanos de Galicia.

Fiinalmente, Susana López Abella chamou a atención sobre a importancia das contribucións das mulleres nos planos cultural e artístico e a necesidade de accións de sensibilización que as visibilicen e fomenten. Niste senso recoñeceu e valorou positivamente as iniciativas e os proxectos que ven impulsando o Consello da Cultura Galega.