NOTICIA

----

As Xornadas “A recuperación da memoria do Movemento Feminista” alertaron sobre a necesidade de preservar a documentación precisa para o enfoque de xénero

Hai unha documentación imprescindible para a mellor comprensión da historia, e nomeadamente das accións protagonizadas polas mulleres, e sería importante evitar a súa desaparición. As xornadas “A recuperación da memoria do Movemento Feminista” chamaron a atención sobre a necesidade de preservar esa documentación imprescindible para entender mellor o enfoque de xénero. Organizadas pola Comsisión de Igualdade do Consello da Cultura Galega, as xornadas ofreceron as análises de expertas procedentes de Salamanca, País Vasco e Galicia e foron seguidas por un cento de persoas. No acto inaugural a coordinadora da Comisión de Igualdade, María Xosé Agra, salientou o traballo desenvolvido nesta materia pola institución e agradeceu a colaboración de persoas e entidades para a recolleita dos documentos relacionados co movemento feminista. Rosario Álvarez, vicepresidenta do CCG, lembrou que este traballo empata co que veñen facendo os Arquivos da institución e fixo votos para unir pezas que “unha vez xuntas fanse visibles e cobran todo o sentido”.

As Coordinadoras das xornadas, Carmen Pérez Pais, membro da Comisión de Igualdade do CCG e profesora da Universidade da Coruña, e Mariam Mariño, falaron sobre “Recuperación da documentación e memoria do Movemento Feminista Organizado en Galicia” e do traballo realizado pola Comisión de Igualdade, que en 2007 organizara as I Xornadas de Xénero e Documentación, e que ven recollendo, ordenando, poñendo en valor e difundindo esa información en www.consellodacultura.org

Carmen Pérez Pais subliñou a necesidade de recurrir ás entrevistas, ás fontes orais “para preservar a memoria e complementar e ampliar as contribucións de tantos e tan dispersos arquivos”. Chamou tamén a atención sobre a recolleita non só dos documentos máis convencionais, senón tamén de obxectos: calendarios, adhesivos, marcadores, carteis ou pancartas, por exemplo.

Na sesión da mañá o programa ofreceu tres relatorios: “Memoria e visibilización da muller a través dos fondos documentais de xénero. Experiencias no “Centro Documental de la Memoria Histórica”, de Salamanca, a cargo de María José Turrión García.
“Centro de Documentación de Mulleres. Biblioteca Dixital: construíndo un “lugar da memoria” do Movemento Feminista do País Vasco”, por María José Sola Sarabia, Centro de Documentación de Mujeres “Maite Albiz” Emakume en Dokumentazio Zentrua, Bilbo, e “Unha experiencia de recuperación das fontes de información do Movemento Feminista en Euskal Herria” de Rosa María Andrieu Sanz, Bilgune Feminista, Donostia. Euskal Herriko Universitatea.

A xornada finalizou cun debate aberto “Reflexionar sobre o feito, construír futuro”, coordinado por María Xosé Agra e foi clausurada pola vicepreisdenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez.