----

Ortigueira, primeira escala da exposición “Luces de Alén Mar. As Escolas de americanos en Galicia”, do Consello da Cultura Galega

A exposición “Luces de Alén Mar. As Escolas de Americanos en Galicia”, promovida polo Consello da Cultura Galega, a través do seu Arquivo da Emigración Galega, foi inaugurada o venres 3 de agosto ás 21´30 horas na Casa Consistorial de Ortigueira. A mostra, que salienta o instrutivo compromiso solidario dos emigrantes galegos, inicia así o seu percorrido por Galicia. Á inauguración asistirán o alcalde de Ortigueira, Rafael Girón, e o presidente do Consello da Cultura Galega, Ramón Villares.

A exposición “Luces de Alén Mar” ven subliñar a dimensión da efeméride do centenario fundacional das Sociedades Galegas de Instrucción radicadas en América e as súas realizacións académicas nas localidades de procedencia dos emigrantes.

Os 42 paneis que dan conta do gran labor educativo promovido e sostido en Galicia polos seus emigrantes percorrerá o país “para dar testemuño, da conciencia, da determinación e do compromiso das sociedades de emigrantes e difundir, honrar e agradecer tan nobres e exemplares iniciativas: varios centos de escolas construídas nas décadas finais do século XIX e no primeiro terzo do século XX, que tanto contribuíron á mellora educativa e ao progreso cultural de Galicia e das súas xentes”, escribe Ramón Villares.

“Luces de Alén Mar”, comisariada por Vicente Peña Saavedra e documentada por Carolina García Borrazás e María Teresa García Domínguez, é unha nova contribución do Arquivo da Emigración Galega, do Consello da Cultura Galega, á recuperación e posta en valor da memoria e o legado dos emigrantes. Un labor no que o CCG contou coa colaboración da Secretaría Xeral de Emigración da Xunta de Galicia.

Ata o momento a exposición puido contemplarse nos últimos días do pasado mes de xuño no Pazo de Congresos e Exposicións de Santiago de Compostela, coincidindo coas sesións de traballo do X Consello de Comunidades Galegas. En Ortigueira permanecerá durante o mes de agosto.