----

O Consello da Cultura Galega dixitalizará os fondos documentais de gravacións do Liceo de Ourense

O Consello da Cultura Galega, a través do seu Arquivo Sonoro de Galicia, dixitalizará os fondos documentais de gravacións propiedade do Liceo de Ourense. Para o cumprimento deste obxectivo os presidentes do Consello da Cultura e do Liceo, Ramón Villares e José Carlos Martínez-Pedrayo, respectivamente, asinaron hoxe un convenio de colaboración na sede da entidade cívica ourensana.

O Consello da Cultura Galega, que acometerá os traballos de copia e dixitalización, creará no seu Arquivo Sonoro de Galicia un fondo específico denominado “Fondo Liceo Ourense” e entregará ao Liceo copia individualizada en soporte CD de cada un dos actos gravados pola asociación ourensana na súa sede, xa sexan propios ou doutras entidades.

O convenio precisa que o Consello da Cultura Galega integrará estes fondos “a efectos de arquivo e investigación, entendéndose que isto non supón alteración dos dereitos de autor nin de propiedade intelectual, que continuarán nas mans correspondentes”.