----

A Federación de Asociacións da Prensa de Galicia entregou a gravación dun discurso de Valentín Paz-Andrade ao Consello da Cultura Galega

A Federación de Asociacións da Prensa de Galicia (FEGAPE) fixo entrega hoxe ao Consello da Cultura Galega dunha gravación inédita do discurso pronunciado por Valentín Paz-Andrade, o 10 de xullo de 1984 no Pazo de Fonseca, en Santiago de Compostela, con motivo da constitución da FEGAPE, en calidade de presidente de honor da mesma. O Presidente do CCG, Ramón Villares, agradeceu a donación, que incorpora ao Arquivo Sonoro de Galicia unha testemuña máis de Valentín Paz-Andrade, a quen Luís Menéndez, presidente da Asociación da Prensa de Santiago, glosou como “mestre de xornalistas”.
Conectate o Consello da Cultura Galega en Facebook, Twitter ou comparte esta nova:



A gravación, que pasará a formar parte do Arquivo Sonoro de Galicia, do Consello da Cultura Galega, contén as reflexións de Valentín Paz-Andrade (1898-1987) en defensa da liberdade de prensa e da autonomía de Galicia. O discurso dura 16 minutos. O acto foi tamén unha homenaxe ao sobranceiro escritor e xornalista -impulsor e creador do xornal “Galicia-Diario de Vigo” (1922-1926) e da revista “Industrias Pesqueras” (1927), a revista técnica máis antiga de España- ao que este ano lle foi dedicado o “Día das Letras Galegas.

No acto, celebrado na Biblioteca do Consello da Cultura, interviron o presidente da institución, Ramón Villares, e os actuais presidente e vicepresidente da FEGAPE, Manuel González e Luís Menéndez, responsables das asociacións da Coruña e de Santiago de Compostela, respectivamente, e Anxo Lorenzo, Secretario Xeral de Cultura da Xunta de Galicia.