NOTICIA

----

Emotiva Xornada “Tereixa Navaza, a voz da liberdade”, homenaxe a unha comunicadora e á primeira xeración de mulleres xornalistas profesionais

A Comisión de Igualdade do Consello da Cultura Galega organizou e convocou para o xoves 25 de outubro a xornada “Tereixa Navaza, a voz da liberdade”, unha emotiva homenaxe á contribución da comunicadora e xornalista, nomeadamernte na radio e na televisión. O recoñecemento vai asemade para o labor da primeira xeración de mulleres xornalistas profesionais. Vinte estudosos e xornalistas desenvolverán o programa, coordinado por Ana Romaní Blanco e Carme Vidal Lage, no que participa tamén a Universidade de Santiago de Compostela. O programa abordou a dimensión científico-profesional, (O compromiso da información) e a da memoria (A información con xénero).
Emotiva Xornada “Tereixa Navaza, a voz da liberdade”, homenaxe a unha comunicadora e á primeira xeración de mulleres xornalistas profesionais

A sesión abriuse ás 10 horas coas intervencións de Francisco Díaz- Fierros, vicepresidente do Consello da Cultura Galega; María Xosé Agra Romero, coordinadora da Comisión de Igualdade, e Alfonso Cabaleiro, Secretario Xeral de Medios da Xunta de Galñicia.

Abriu os relatorios Manuel Lombao, ex director da TVE en Galicia e dos Centros Territoriais de TVE, que falou de “Tereixa Navaza e os inicios da televisión desde Galicia”. Foi presentado por Xosé López, Secretario do Consello da Cultura Galega e catedrático da Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela.

Mariam Mariño Costales, técnica da Comisión de Igualdade, presentou a “Cartografía de Tereixa Navaza no Álbum de Mulleres” (accesible en www.consellodacultura.org), que deu paso a catro relatorios doutras tantas xornalistas e a un debate presentado e moderado por Marta Pérez Pereiro, vicedecana da Facultade de Ciencias da Comunicación da USC. As reflexións versaron sobre os temas “¿Donas da información? Mulleres xornalistas en Galicia” (Belén Puñal Rama); “Forza e valentía feminista tras un sorriso” (Ana Arellano, revista ANDAINA); “O xornalismo de Tereixa Navaza, un oficio de vivir” (Carme Vidal Lage), e “¿Traballar nos medios hoxe?” (Marga Tojo González, presidenta de DIOIVO).

Pola tarde, a partir das 16´30 horas, proxectouse o audiovisual “Tereixa Navaza”, de Andrea Nunes Brións e Raquel Rei Branco, da productora “Candongas do Quirombo”.

A seguir o xornalista e escritor Manuel Rivas conversou con Tereixa Navaza e, finalmente, o xornalista e director de comunicación do Consello da Cultura Galega, Xosé María Palmeiro, presentou e moderou a mesa redonda “Primeira xeración de mulleres xornalistas profesionais” na que participarán, xunto coa xornalista homenaxeada, María Xosé Porteiro, Concha Pino e Tonina Gay Parga.

Por último, Ana Romaní Blanco e Carme Vidal Lage, coordinadoras da xornada e integrantes da Comisión de Igualdade do Consello da Cultura Galega, procederon á clausura da sesión.