----

Presentadas na Universidade da Coruña as cen primeiras biografías do "Álbum da Ciencia", iniciativa on line do Consello da Cultura Galega

O “Album da Ciencia”, que o Consello da Cultura Galega iniciou on line (www.culturagalega.org/albumdaciencia/) o pasado 27 de marzo, permite xa consultar cen biografías e máis de trescentas entradas, unha parte substancial do I+D histórico do país. Esta iniciativa e outros proxectos foron presentados o martes día 30 ás 12 horas na sala de prensa da Reitoría da Universidade da Coruña (UDC). Participaron Francisco Díaz-Fierros, vicepresidente do Consello da Cultura Galega e coordinador da Sección de “Ciencia, Natureza e Sociedade”; María José Martínez López, vicerreitora de Estudantes, Deportes e Cultura da UDC, e Xosé A. Fraga, director do “Álbum da Ciencia”.
Conéctate co Consello da Cultura Galega en Facebook, Twitter ou comparte esta nova:

Con esta iniciativa o Consello da Cultura Galega contribúe ao fomento da cultura científica na sociedade por medio da difusión do labor desenvolto polos científicos máis sobranceiros da historia de Galicia. O Álbum pretende contribuir a reducir o déficit de coñecemento do labor científico en Galicia e potenciar a consideración da cultura científica.

Xunto á información sobre a edición de 100 biografías, o acto de presentación permitiu tamén dar a coñecer aspectos da colaboración entre o Consello da Cultura Galega e importantes institucións galegas para difundir estes e outros contidos. Trátase da cooperación xa establecida coa delegación en Galicia do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC), a Fundación Barrié de la Maza e a Universidade de A Coruña.