----

Resólvense os XXII Premios San Martiño de Normalización Lingüística

A Asociación Cultural O Brado, da Estrada, fixo públicos os galardoados dos XXII Premios San Martiño de Normalización Lingüística, convocados anualmente para premiar persoas e colectivos que destacan polo seu labor de promoción do idioma galego, tanto no ámbito autonómico como no da comarca Tabeirós-Terra de Montes.

Os premiados nesta edición son o párroco Ramón Campos Suárez, na modalidade “A Estrada e Comarca de Tabeirós-Terra de Montes”; o grupo de música tradicional Treixadura, na modalidade “Galicia enteira”; e o director do Grupo Academia Postal Francisco Nóvoa Rodríguez, na modalidade “Toda unha vida”.
Os galardóns serán entregados nun acto público que terá lugar o vindeiro 15 de novembro no Teatro Principal da Estrada.