----

Ramón Villares fala en Combarro sobre “A protección do Patrimonio. Unha reflexión histórica”

O Presidente do Consello da Cultura Galega, Ramón Villares, disertará o sabado día 17 en Combarro (Poio) no acto institucional conmemorativo do 40 Aniversario da Declaración de Combarro como Conxunto Histórico (1972-2012). A conferencia abordará o tema “A protección do Patrimonio. Unha reflexión histórica” e celebraráse ás 19 horas no Local da Comunidade de Montes de Combarro.

No acto intervirán asemade Rafael Vallejo Pousada, presidente da Asociación “A Solaina”; Xosé Henrique Costas, vicerreitor de Extensión Universitaria da Universidade de Vigo; José Manuel Rey Pichel, Director Xeral do Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia, e Luciano Sobral, Alcalde de Poio.

Logo das disertacións actuarán o Coro “Virxe da Renda” e o Grupo de Pandeireteiras do Ateneo Corredoira de Combarro.

Combarro é un conxunto histórico de gran beleza que reúne ó abeiro da ría de Pontevedra casas, hórreos e cruceiros. As pequenas casas mariñeiras, con barrocas solainas pétreas, lembran aspectos da arquitectura dos pazos. Os hórreos, trinta nada menos, forman un dos meirandes conxuntos de Galicia co valor engadido da súa singular ubicación costeira, unha auténtica beiramar de hórreos. Por último, os cruceiros, algúns con mesado a xeito de altar, símbolo da relixiosidade popular, completan unha contorna extraordinaria, testemuña viva da arquitectura popular galega.

A conmemoración do 40 Aniversario da Declaración de Combarro como Conxunto Histórico propiciou a posta en marcha ao longo deste dano dun programa que ofreceu visitas guiadas para escolares, actividades culturais e deportivas, ciclos de conferencias e proxeccións cinematográficas. Actividades que continúan ata fin de ano, organizadas polo concello de Poio e a Asociación para a Defensa do Patrimonio Histórico-Artístico de Combarro “A Solaina”. Colaboraron activamente as entidades asociativas e culturais de Combarro, ademais do Consello da Cultura Galega, a Universidade de Vigo e a Xunta de Galicia.