----

O Consello da Cultura Galega presentou o Congreso Internacional “Rosalía no século XXI. Unha nova ollada” a celebrarse entre febreiro e xuño-2013

O Consello da Cultura Galega presentou hoxe o congreso internacional que dedicará en 2013 á figura e á obra de Rosalía de Castro (1837-1885) baixo o título “Rosalía no século XXI. Unha nova ollada”. Serán cinco xornadas que se desenvolverán entre os meses de febreiro e xuño coa participación dos máis destacados expertos nacionais e internacionais na obra rosaliana. En 2013 cumpliránse 150 aniversario da publicación en Vigo (1863-2013) de “Cantares Gallegos”, obra auroral e determinante para o Rexurdimento das letras galegas. O congreso, que se celebrará na sede da institución en Santiago de Compostela, terá unha parte presencial, cunha programación pechada de conferencias, mesas redondas e recital poético, e unha parte virtual aberta a comunicacións libres. Os traballos poderán seguirse vía streaming. Ramón Villares lembrou o congreso rosaliano celebrado en 1985, no que tamén tiña participado a institución que preside, e falou dunha liña de continuidade. “Trátase agora de mostrar a vixencia de Rosalía no século XXI”, dixo Rosario Álvarez, vicepresidenta e membro do comité organizador integrado tamén por Anxo Angueira, Dolores Vilavedra e María do Cebreiro.
O Consello da Cultura Galega presentou o Congreso Internacional “Rosalía no século XXI

O Congreso presencial constará de cinco sesións, dunha xornada cada unha (mañá e tarde) en cinco meses consecutivos. Comeza o 28 de febreiro e remata o 27 de xuño. Último xoves de cada mes, coa excepción do de marzo para que non coincida coa Semana Santa.
28 febreiro: “Contexto cultural Galicia século XIX: o tempo de Rosalía”.
21 marzo: “Avances no coñecemento sobre a vida e personalidade de Rosalía”.
25 abril: “A obra poética e narrativa. Estado actual das edicións de Rosalía e problemas técnicos para unha edición canónica da obra completa”.
30 maio: “Rosalía e o canon literario do seu tempo (en relación coas as literaturas ibérica, europea e americana). A proxección exterior da súa obra”.
27 xuño: “Rosalía lida no século XXI, á luz dos novos paradigmas críticos”.
En total, once conferencias, cos seus correspondentes retrucantes, nove mesas redondas (un coordinador e, xeralmente, tres convidados), un recital poético e medio centenar de relatores e relatoras convidados expresamente.

Nomes importantes

No congreso dictarán conferencias: Catherine Davies, Xosé Ramón Barreiro Fernández, María Victoria Álvarez Ruiz de Ojeda, Pilar García Negro, Xesús Alonso Montero, Javier Gomez Montero, Katleen March, Francisco Rodríguez, Xosé Manoel Núñez Seixas, Derek Flitter e César Domínguez.
Entre os panelistas figuran: Carme Hermida, Henrique Moteagudo, Carmen Pérez Pais, Arturo Leyte, Ana Luna, Helena González, María Jesús Lama, María López Sández, María Reimódez e Aex Alonso.
Procuramos reunir, dixo Rosario Álvarez, os investigadores rosalianos, as voces máis autorizadas tendo en conta a temática de cada xornada e os perfís concretos de mesas e conferencias. Na necesaria selección, todos son representativos dos distintos enfoques e tendencias.
Referiuse tamén á diversidade de procedencias: galegos de dentro e de fóra do ámbito uiniversitario; investigadores e investigadoras das tres universidades galegas, doutras universidades españolas (Barcelona, Madrid, Granada, Huelva...), doutras universidades europeas (Reino Unido, Alemaña...) e americanas.
Trátase de investigadores consagrados, cunha longa traxectoria de traballos rosalianos e obras de referencia neste campo, xunto cunha forte presenza de investigadores máis novos, que achegan olladas renovadoras, e de especialistas en distintos campos, non só desde o puramente literario (historia da ciencia e do pensamento, migracións, historia da prensa e da edición, etc.), senón tamén desde o campo da teoría e historia literaria, perspectivas desde fóra do ámbito estrito da literatura galega.

bxectivos

Rosario Álvarez apuntou os tres obxectivos principais do congreso.
Mostrar a vixencia de Rosalía no século XXI e dar continuidade ao seu coñecemento e aprecio, por parte de glelgos e non galegos de todas as xeracións.
Acoller e poñer de relevo as novas olladas e novas perspectivas de análise que se foron producindo nas últimas décadas, despois do Congreso Internacional sobre Rosalía de Castro e o seu tempo (1985), no que tamén participou o Consello.
Estimular novos enfoques, novas olladas, novas lecturas e removar o interese pola obra rosaliana. En definitiva, facer avanzar o seu coñecemento.
As sesións serán presenciais, na sede do Consello da Cultura Galega, pero poderán seguirse tamén vía streaming. Estará aberta a participación para enviar preguntas e comentarios para o seu traslado aos coloquios.
En xaneiro abrirase o prazo de inscrición para os asistentes.

O Congreso virtual

O Congreso terá tamén unha parte virtual aberta a comunicacións libres, coas mesmas liñas temáticas có congreso presencial.
Os textos enviados serán revisados anonimamente por especialistas encargados polo comité científico, como requisito indispensable para a súa publicación.
A publicación será electrónica, coas características propias das publicacións científicas deste tipo.
O período de lanzamento do congreso non comezará ata o mes de xaneiro. O período de aceptación de orixinais, revisión e publicación estará aberto durante todo o tempo de duración do congreso presencial, isto é, durante o primeiro semestre de 2013.