----

O Consello da Cultura edita o libro que recompila a información científica xerada pola marea negra do “Prestige”

O Consello da Cultura Galega presentou hoxe o libro “Recursos en I+D+i dedicados ao estudo dos efectos da vertedura do Prestige (2003-2008). Avalación e xuízo crítico”, coordinado por Victoriano Urgorri e Marcos Pérez Señarís, profesores e investigadores da Universidade de Santiago. Publicado na colección "Documentos e informes" o libro, de 465 páxinas, recompila a meirande parte da información científica xerada sobre a marea negra do "Prestige".
Urgorri lembrou máis unha vez que o afastamento do barco da costa (13-19 de novembro de 2002) e o seu periplo errático de norte a sur "desataron o peor dos escenarios posibles, ao estenderen a marea a Galicia, costa cantábrica, Portugal e Francia". Francisco Díaz-Fierros, vicepresidente da institución e coordinador da Sección de "Ciencia, Natureza e Sociedade", anunciou para a volta dun ano a preparaciòn dun resumo divulgativo deste "valioso traballo" dirixido inicialmente á comunidade cientítica.
O Consello da Cultura edita o libro que recompila a información científica xerada pola marea negra do “Prestige”

Francisco Díaz-Fierros salientou a importancia de reunir con éxito a maioría dos proxectos implicados nas investigacións derivadas da catástrofe do "Prestige", "algo que non ten precedentes na historia da investigación científica galega e que debería inaugurar un novo xeito de avaliar os recursos dedicados a I+D+i neste país". Lembrou tamén que a institución xa se ocupara de analizar e estudar a repercusión da "principal catástrofe que afectou a Galicia nos últimos tempos" e referiuse particularmente ao congreso internacional celebrado ao ano seguinte para debatir sobre "os efectos económicos, sociais e ambientais da marea negra do "Prestige".

COÑECER E PREVER

Victoriano Urgorri dixo que o libro ten un doble obxectivo: "transmitir á sociedade o enorme esforzo investigador realizado principalmente pola comunidade científica galega e elaborar un documento de resumo que poida ser útil cando, desgraciadamente, volva a terse outra marea negra en Galicia".
A obra hoxe presentada ofrece unha síntese de cada proxecto/subproxecto coas conclusións e resultados máis salientables e a produción científica xerada, "que deberían permitir afrontar con moito maior coñecemento a próxima marea negra". "No entanto, sostivo, é absolutamente perentorio, e iso escapa á competencia da comunidade científica, que as autoridades responsables de xestionala asimilen e apliquen o coñecemento adquirido para que o país estea preparado da mellor maneira posible no momento en que se produza unha nova vertedura de hidrocarburos nas nosas costas". E enfatizou: "Non debe esquecerse que a próxima marea negra pode ser calquera día".

AS UNIVERSIDADES, DETERMINANTES

O libro incorpora un CD no que se inclúen ademais, en formato pdf, traballos e estudos realizados sobre o tema, que son inéditos e foron aportados polos investigadores principais: informes, teses de licenciatura, traballos de investigación tutelados, proxectos de fin de carreira, etc. Contén tamén teses de doutoramento, informes publicados na rede e artigos de cinco revistas científicas (só cinco revistas autorizaron a inclusión nesta publicación).
Urgorri destacou a importancia da contribución da comunidade cientítica galega e o financiamento de 145 proxectos e subproxectos de investigación sobre a marea negra. Felicitouse pola colaboración entre os investigadores das universidades e asegurou que nonn podía dicirse o mesmo cando se fala das institución. En ccalquera caso, afirmou, o papel das universidades foi determinante "cunha producción científica que supera en todos os casos o 60 por cento do total do xerado".

OS OUTROS VERQUIDOS

Finalmente Victoriano Urgorri subliñou que os efectos da marea negra do "Prestige" remataron, pero a situación da costa galega non mellorou. "O oitenta por cento da contaminación segue aí cada día, case "invisible" e procede da terra, das urbanizacións, dos colectores, que desembocan directamente no mar".