NOTICIA

----

28-F ás 9´30 h.- Comeza o congreso internacional “Rosalía de Castro no século XXI. Unha nova ollada”

O Consello da Cultura Galega desenvolverá hoxe a partir das 9´30 horas a primeira das cinco xornadas do congreso internacional que dedicará do 28 de febreiro ao 27 de xuño -unha sesión por mes- á figura e á obra de Rosalía de Castro (1837-1885) baixo o título “Rosalía no século XXI. Unha nova ollada”. A primeira sesión, coordinada pola escritora e investigadora María do Cebreiro Rábade, proponse debuxar a traxectoria intelectual e literaria rosaliana en relación cos procesos de cambio social e cultural do século XIX, prestando especial atención ao seu diálogo co contexto americano, co incipiente discurso científico-tecnolóxico e cos debates contemporáneos sobre a lingua. O acto inaugural terá lugar ás 9´30 horas coas intervencións de Ramón Villares, presidente do CCG; Rosario Alvarez, vicepresidenta e coordinadora do congreso xunto con María do Cebreiro Rábade, Dolores Vlavedra e Anxo Angueira.

Deseguido comezarán as intrervencións previstas no programa.

10 h.- “A evolución política/intelectual do matrimonio Murguía-Castro, desde os
anos sesenta aos anos oitenta do século XIX”.
Xosé Ramón Barreiro Fernández, catedrático emérito da USC e numerario da RAG.
Retrucante: Catherine Davies, catedrática de Estudos Hispánicos e Latinoamericanos
da University of Nottingham.

12 h. Mesa redonda. “Rosalía ante os discursos científicos e as novidades tecnolóxicas do seu tempo”.
Moderador: Francisco Díaz-Fierros, vicepresidente do CCG e catedrático de Edafoloxía da USC.
Mari Lires, profesora de Didáctica das Ciencias Experimentais da Universidade de Vigo.
Mirta Suquet, investigadora do Grupo de referencia competitiva en Teoría da Literatura e Literatura Comparada e do Grupo de Investigación Rosalía de Castro da USC.
Margarita García Candeira, profesora de Didáctica da Literatura Española da Universidad de Huelva e membro do Grupo de Investigación Rosalía de Castro da USC.

16 h.- “Rosalía de Castro e América”.
Catherine Davies, catedrática de Estudos Hispánicos e Latinoamericanos da University
of Nottingham.
Retrucante: Pilar Cagiao, profesora de Historia de América da USC.

18 h.- Mesa redonda. “Usos e ideas sobre a lingua na obra de Rosalía”.
Moderador: Henrique Monteagudo, profesor de Filoloxía Galega da USC e coordinador da Sección de Lingua, Literatura e Comunicación do CCG.
Xose A. Fernández Salgado, profesor de Filoloxía Galega da Universidade de Vigo.
Carme Hermida, profesora de Filoloxía Galega da USC.
Goretti Sanmartín Rei, profesora de Filoloxía Galega da Universidade da Coruña.