----

O CCG PRESENTA MAÑÁ OS PRIMEIROS RESULTADOS DUN INFORME DE POLÍTICA LINGÜÍSTICA E NORMALIZACIÓN

O Consello da Cultura Galega acollerá mañá, a partir das 12 h, a presentación do primeiro volume de "O proceso de normalización do idioma galego: 1980-2000", unha obra impulsada pola Sección de Lingua do CCG. Este acto, que contará coa presencia dos coordinadores do volume, Henrique Monteagudo e Xan Bouzada, supón facer público o primeiro froito dun traballo que ocupou á Sección de Lingua durante catro anos (1998-2002), tempo no que se elaborou un completo informe que se compón en total de catro volumes, o primeiro dos cales é o que se presenta mañá.

"Política Lingüística: análise e perspectivas" é o título que leva esta primeira parte, en que se recollen as conclusións que o equipo de traballo obtivo da área de investigación que denominaron "área de politoloxía". Nela estableceuse un marco xeral para o labor do resto dos sectores especializados (educación, administracións públicas, planificación e difusión da lingua).

O traballo realizouse en colaboración coa empresa 'Cidadania-Rede de Aplicacións Sociais', que se ocupou das enquisas e da aplicación das metodoloxías de investigación sociolóxica.

Con este ambicioso proxecto promovido polo CCG preténdese acadar un triple obxectivo: mellorar o coñecemento dos usos públicos do galego, ofrecer elementos para avaliar o impacto das iniciativas de normalización levadas adiante polas administracións entre 1980 e 2000 e, finalmente, identificar os puntos fortes e débiles da política lingüística en Galicia, para mellorar a súa efectividade.

Este proxecto completarase coa edición doutros tres volumes. O segundo versará sobre a investigación do traballo sobre o ensino infantil e primario, o terceiro sobre as administracións públicas e o cuarto e último dedicarase aos traballos sobre adaptación, actualización e difusión da lingua.