NOTICIA

----

O CONSELLO DA CULTURA GALEGA SUBLIÑA A IMPORTANCIA DOS TRABALLOS REALIZADOS Ó CUMPRIR OS SEUS PRIMEIROS VINTE ANOS

O Consello da Cultura Galega fai público o seguinte comunicado con motivo de cumplirse vinte anos da creación da institución:"Ó cumprírense hoxe vinte anos da aprobación, por unanimidade, no Parlamento de Galicia, da Lei 8/1983 de 8 de xullo, pola que se creaba o Consello da Cultura Galega, que facía así efectivo o mandato contido no artigo 32 do Estatuto de Autonomía de Galicia,a Comisión Executiva da institución salientou o feito positivo do desenvolvemento e consolidación dun órgano de reflexión e promoción cultural dotado de características e competencias que o fan único en España.

A Comisión Executiva felicitouse polos importantes traballos e proxectos realizados nestas dúas primeiras décadas e constatou os avances no recoñecemento e na difusión dos valores culturais de Galicia nos niveis institucional e popular.

Subliñou asemade o compromiso cos obxectivos orixinarios de defensa e promoción da cultura e o idioma de Galicia e o asesoramento ós poderes públicos para afrontar os retos importantes nos inicios do terceiro milenio. Desafíos que pasan pola posta ó día e a permanente actualización da cultura galega entendida como un conxunto de respostas válidas para as grandes cuestións da contemporaneidade. A saber:

-a actualización da cultura artística e humanística.

-a incorporación da cultura tecno-científica e-o papel, cada vez máis importante, dos medios de comunicación e das novas tecnoloxías da información ó servicio de Galicia e da súa activa presencia no mundo.

Por último, a Comisión Executiva agradeceu as aportacións e colaboracións recibidas de persoas e institucións galegas para levar a cabo os seus cometidos e anunciou a celebración, nos vindeiros meses, dun programa de actividades conmemorativas da constitución e posta en marcha do Consello da Cultura Galega".