NOTICIA

----

JOAN FONTCUBERTA E PEPE BAEZA COMPLETARÁN AS "XORNADAS FOTODIXITAIS" O VINDEIRO 17 DE MARZO

A Deputación de Pontevedra acollerá o vindeiro luns, 17 de marzo, unha sesión extraordinaria das "Xornadas Fotodixitais" que se desenvolveron en Pontevedra os pasados días 27 e 28 de febreiro. Daquela, e por problemas co transporte aéreo alleos á organización, o programa da xornada da tarde do 28 viuse alterado.

O artista visual e Premio Nacional de Fotografía, Joan Fontcuberta e o editor gráfico da revista 'Magazine', Pepe Baeza non puideron impartir os seus relatorios desa sesión, que foi transformada nun seminario práctico dispensado polo fotógrafo e redactor de 'CiberPaís', Antonio Espejo.

A presente sesión extraordinaria vén, pois, completar aquel programa, algo ao que se comprometeran tanto a Sección de Comunicación do CCG como a Deputación de Pontevedra, organizadores destas xornadas, en canto fose posible. Deste xeito, Fontcuberta e Baeza ofrecerán os seus relatorios co seguinte programa:

16.00h. FOTODIXITAL. NOVAS TECNOLOXÍAS, NOVOS CONCEPTOS. Pepe Baeza. Redactor xefe de "La Vanguardia". Profesor asociado na Universidade Autónoma de Barcelona.

17.15h. Pausa

17.30h. FOTOGRAFÍA DIXITAL, NOVO INSTRUMENTO PARA O ARTISTA. Joan Fontcuberta. Premio Nacional de Fotografía.


Tendo en conta que se trata dunha sesión que completa o programa das "Xornadas Fotodixitais", a organización estableceu que terán prioridade na asistencia aqueles que participaron no seminario desenvolvido en febreiro. Aquelas persoas que non participasen nas xornadas do 27 e 28 de febreiro e desexen asistir a esta sesión poden consultar a dispoñibilidade de prazas no Consello da Cultura Galega, Tfno.: 981 56 90 20.