NOTICIA

----

O CCG DIXITALIZARÁ UNHA GRAVACIÓN DE ALEXANDRE BÓVEDA DOADA POLA FUNDACIÓN QUE LEVA O SEU NOME

A Fundación Alexandre Bóveda, creada co obxectivo de recuperar a memoria deste galeguista fusilado en 1936, fíxolle entrega esta mañá ao Consello da Cultura Galega dunha gravación orixinal da voz de Bóveda.Trátase dun documento sonoro no que Alexandre Bóveda aparece xunto coa Coral Polifónica de Pontevedra, grupo co que comezou a cantar en 1927.

Malia que a gravación orixinal estaba en soporte de lousa e fora datada polos historiadores en 1929, o documento que esta mañá depositou a Fundación Bóveda no Consello da Cultura Galega é unha copia en vinilo da orixinal.

Segundo expresou o presidente da Fundación Alexandre Bóveda, Fernando Quintela, a institución que preside dirixiuse ao Consello da Cultura Galega ao constatar que a copia que gardaban na Fundación "non reunía as mínimas condicións de conservación". "Acudimos ao CCG para que os seus técnicos fagan o posible por recuperar este documento", asegurou Quintela, quen destacou o labor do Arquivo Sonoro de Galicia, pertencente ao CCG, onde quedará gardada esta valiosísima copia.

Pola súa banda, e tal e como expresou o presidente do CCG, Alfonso Zulueta, o Arquivo Sonoro de Galicia vaise encargar da dixitalización deste documento, do que posteriormente se fará unha edición especial en CD.

En canto ás actividades previstas pola Fundación Alexandre Bóveda na celebración do primeiro centenario do nacemento do galeguista (1903-2003), o presidente da Fundación anunciou que están a traballar na edición dun epistolario de Bóveda, que constituiría o segundo volume da colección Documentos, editada pola Fundación. Do mesmo xeito e ao longo do ano, agardan facer unha "gran" biografía de Bóveda e teñen previsto poñer a funcionar o web www.alexandreboveda.org para o mes de marzo. Incluso barallan a posibilidade de realizaren un documental sobre a vida do galeguista que impulsou a redacción do Estatuto de Autonomía de Galicia.