NOTICIA

----

ALTERNATIVA 2003 PRESENTA NO CCG A SÚA PROPOSTA DE MÚSICA, TEATRO E DANZA PARA COMPOSTELA

Un ano máis, e van catro, a Sala Nasa e o Teatro Galán organizan o Festival Alternativo de Teatro, Música e Danza de Compostela, unha iniciativa que levará a Santiago desde o 21 de febreiro ata o 29 de marzo as propostas nacionais e internacionais máis arriscadas que se están a facer nas artes escénicas nestes momentos.

Esta cuarta edición, que conta co patrocinio do IGAEM e coa colaboración do Consello da Cultura Galega, o Concello de Santiago e La Voz de Galicia, presentarase oficialmente nun acto que acolle o CCG e que terá lugar mañá, xoves 20 de febreiro, ás 13,30h.

Ana Vallés e Baltasar Patiño, por parte da Sala Nasa, e Xesús Ron e Manolo Cortés, por parte do Teatro Galán, serán os encargados de faceren a presentación, que contará tamén coa presencia do vicepresidente do Consello da Cultura Galega, Ramón Castromil, así como coa dun representante do IGAEM e outro de INCOLSA.

Con esta nova edición, Alternativa consolídase como unha das citas máis singulares e arriscadas dentro do panorama cultural galega posto que é unha iniciativa independente que aposta por propostas de música, teatro e danza moi difíciles de contemplar nos circuítos clásicos de exhibición. Neste festival quérese ofrecer, ademais, unha visión actual e comprometida coas novas linguaxes escénicas, o que nos permitirá ver montaxes procedentes de Madrid, Bilbao, Barcelona ou Viena, absolutamente inéditas en Galicia.