O Consello da Cultura Galega dedicou unha xornada ao coñecemento de María Wonenburger, matemática galega de dimensión internacional
Santiago de Compostela, 28 de outubro de 2010.- A máis relevante matemática española da segunda metade do século XX naceu en Oleiros en 1927 e vive na Coruña, pero María Josefa Wonenburger Planells empezou a ser coñecida entre nós hai poucos anos. Da súa peripecia vital e cientìfica falouse hoxe polo miúdo no Consello da Cultura Galega nunha xornada “na creación de coñecemento” organizada pola Comisión de Igualdade xunto coas Universidades de Santiago e A Coruña. Nacida no seo dunha familia republicana, a ilustre matemática non tivo nunca sitio na universidade española, pero si en Estados Unidos e Canadá. Foi unha científica exiliada como recordou Ramón Villares, Presidente do CCG que, xunto con María Xosé Agra, coordinadora da Comisión de Igualdade, presidiu a sesión inaugural. A homenaxeada non puido acudir por razóns de saúde.<!--more-->
A xornada foi estruturada en tres sesións. Na Sesión Cientìfica “Redescubrindo as irmás de Hipatia”, Francisco Díaz Fierros, vicepresidente do CCG, presentou a Ana Dorotea Tarrío (Universidade da Coruña) que falou de “Matemáticas para a vida, unha vida para as matemáticas. María Josefa Wonenburger”. Contou que a homenaxeada fora a primeira española que disfrutara dunha Beca Fullbright en Matemáticas e que se fixera doutora en Yale, pero nunca atopara acomodo na universidade española. Recordou tamén algunhas frases da investigadora: “Con esforzo conséguese case todo. O meu maior orgullo son os meus alumnos. Teño tendencia a ser feliz”. Expresións reveladoras da cualidade humana dunha extraordinaria científica.
José María Barja, reitor da Universidade da Coruña, moderou un panel no que interviron: Elena Vázquez (Universidade de Santiago): “As matemáticas da auga e do lume”; Matilde Ríos (CPI Bergondo-A Coruña): “Matemáticas no ensino das matemáticas”; Ana Belén Rodríguez Raposo (Universidade da Coruña): “Eu tamén son noetheriana” e Rosa María Crujeiras Casais (Universidade de Santiago): “As estatísticas”.
A tarde abriuse coa Sesión da Memoria “Valorando o tempo gañado”. Consideracións sobre “María Josefa Woneburger, creadora de escola”. Interviu a xornalista e directora do “Diario Cultural” da Radio Galega, Ana Romaní, que reproduciu unha entrevista con María Wonenburger e dialogou con Xabier Pita Wonenburger, sobriño da investigadora.
A Sesión de Reflexión e Debate “Retos para as novas tecedoras de coñecemento”, foi moderada por Marilar Aleixandre (Universidade de Santiago) que presentou os relatorios de Inmaculada Paz Andrade (Universidade de Santiago) e Tarsy Carballas (Instituto de Investigacións Agrobiolóxicas de Galicia-CSIC).
A xornada foi clausurada polas coordinadoras: Carme Adán Villamarín e Carme Vidal Lage, que salientaron a importancia da extraordinaria docente e investigadora, á que, paradóxica e lamentablemente, a Universidade Complutense de Madrid só acertou a entregarlle o título de doutora ¡en 2008!.
Para coñecer en detalle a biografía de María Josefa Wonenburger Planells pode consultarse no portal do CCG, www.consellodacultura.org o “Álbum de Mulleres”, iniciativa e base de datos elaborada pola Comisión de Igualdade, en: http://www.culturagalega.org/album/