Carlos Casares Mouriño

O terceiro presidente tivo diante o reto da integración da institución na era das novas tecnoloxías.

Retrato de Felipe Criado

Carlos Casares Mouriño naceu en Ourense no ano 1941. Entrou a formar parte do Plenario do Consello da Cultura Galega como representante da Real Academia Galega e, tras o pasamento de Xosé Filgueira Valverde, foi elixido como presidente do Consello o 14 de outubro de 1996.

Escritor, catedrático de Literatura, presidente de Honra de ACNUR en Galicia e director da Editorial Galaxia, participou en encontros de escritores celebrados en París, Londres, Liverpool, Moscova, Leningrado, Nova York, Santiago de Chile e Bos Aires, entre outras cidades. Conferenciante nas universidades de Madrid, Oviedo, Barcelona, Londres, Trier ou Heidelberg, en 1993 obtivo unha bolsa do Literarisches Colloquium Berlin para unha estadía dun mes na sede desta organización, en Wannsee, co obxecto de traballar na súa última novela.

Director da revista Grial, Casares está vencellado ao xornalismo a través das colaboracións que mantivo en distintos xornais como El País, El Paseante e outros xornais e revistas españois e estranxeiros, como a revista Du de Zürich ou, durante quince anos, a columna diaria que publicou en La Voz de Galicia: "Á marxe". Carlos Casares obtivo numerosos premios, entre eles o Premio da Crítica Española en 1975 e 1997 e o Premio da Crítica Galega en 1982.

Galardoado novelista

En 1988 foi finalista, xunto con Álvaro Pombo, do Premio Nacional de Narrativa. No ano 1989 o Goberno de Galicia outorgoulle o máis alto galardón literario que se concede neste país polo conxunto da súa obra. Como escritor Casares cultiva o relato breve e a novela, destacando, de entre a súa obra, o libro de contos Os escuros soños de Clío, as novelas Ilustrísima ou Os mortos daquel verán.

Os relatos de Carlos Casares aparecen en numerosas antoloxías e a súa última novela foi O sol do verán, entregada a Galaxia o día anterior ao seu falecemento e publicada nese mesmo ano. Ademais de escritor era tradutor, pois fixo a versión española das súas novelas e contos. Carlos Casares tamén realizou traballos de investigación literaria e dirixiu cursos de verán sobre a obra de Camilo José Cela.

Casares faleceu o 9 de marzo de 2002, durante o transcurso do seu segundo mandato ao frente do Consello da Cultura Galega.