NOTICIA

----

SUSO DE TORO: "OS MEDIOS GALEGOS NON TEÑEN UN DISCURSO CULTURAL PROPIO, ACEPTAN O QUE VEN DE MADRID"

A responsabilidade do escritor cando participa nos medios de comunicación e a dependencia dos medios galegos do discurso comunicativo de Madrid foron os eixes da intervención do escritor Suso de Toro, que esta mañá abriu a primeira xornada dos Encontros "A información cultural en Galicia: o que contan os medios", que se desenvolven no Consello da Cultura Galega.

Organizados pola Sección de Comunicación, estes encontros, que xa están na súa segunda edición, ofrecerán unha visión sobre a situación en que se atopa a elaboración da información cultural dos medios de comunicación galegos. A este respecto, Suso de Toro destacou que a cultura que hoxe se considera adecuada para "estar no mundo" é a cultura en castelán, considerándose o resto das culturas como de carácter alternativo ou provinciano.

"A prensa galega abdicou completamente de ser un medio de comunicación nacional", asegurou o escritor, "na medida en que os medios galegos non teñen un discurso cultural propio, están aceptando como propio o discurso que chega de Madrid". Na apertura dos encontros, Suso de Toro tamén puxo sobre a mesa outros temas de debate, como as presións ás que se ven sometidos os profesionais galegos, unha presión que tivo como consecuencia "a creación dun universo cultural feito á medida dos que gobernan".

O autor, quen rematou incidindo na necesidade de que a cultura galega se reinsira noutras culturas tan ricas e tan próximas como a portuguesa ou a brasileira, fixo tamén fincapé na falla de argumento previo que rexe as páxinas de cultura dos xornais galegos, que se configuran en función do que chega ese día por axencia. "Son páxinas desordenadas, sen continuidade, caóticas e ao servicio de fóra do país", asegurou.

Os suplementos culturais e as revistas, a debate
Precisamente para falar dos suplementos culturais dos xornais, os Encontros de Información Cultural continuaron cunha mesa redonda que contou coa participación dos responsables destes suplementos. Santiago Jaureguizar, de "El Progreso", Juan Tallón, de "La Región", Carmen Villar, do "Faro de Vigo", Xesús Fraga e Manuel Rodríguez, de "La Voz de Galicia", moderados por Antón Rodríguez, de "O Correo Galego", expuxeron as características dos respectivos suplementos dos que son responsables.

Todos eles destacaron o grande esforzo que supón sacalos adiante debido a súa escasa viabilidade económica, aínda que, en palabras de Xesús Fraga "se alguén entra no mundo da cultura a través destas xanelas que nós abrimos, xa nos podemos dar por satisfeitos".

A xornada rematou con outra mesa redonda sobre as revistas que se editan en Galicia ("Trabe de Ouro", "Grial", "Tempos Novos" e "A Nosa Terra") e con dous relatorios, a cargo de Alfonso S. Palomares, do "Diario de Córdoba" e Jorge Lozano, da Universidade Complutense de Madrid.