----

A INAUGURACIÓN ESTA TARDE DO CONGRESO GALICIA-IRLANDA ABRE TRES DÍAS DE DEBATE SOBRE OS DOUS PAÍSES

Esta tarde, ás 18:00, terá lugar o acto de inauguración do "Congreso Galicia-Irlanda: dúas Fisterras Europeas" no Consello da Cultura Galega (CCG). Este evento internacional reunirá até o día 24 a expertos galegos e irlandeses para abordar nun amplo debate as similitudes e diverxencias dos dous territorios, desde as relacións históricas enraizadas na lenda sobre o tronco común céltico até a economía e a emigración. O congreso está organizado pola Sección de Cultura Galega no Exterior do CCG, as universidades de Santiago de Compostela e Cork (Irlanda) e o Comité de Relacións Culturais do Departamento de Artes, Deporte e Turismo de Irlanda.

Na inauguración estarán presente, entre outras autoridades, o presidente da Xunta, Manuel Fraga, o embaixador de Irlanda en España, Declan O´Donovan e o presidente do CCG, Alfonso Zulueta de Haz. Os organizadores do evento serán os encargados de impartir as conferencias inaugurais: Patrick O´Flanagan, da Universidade de Cork, falará de "Irlanda, Galicia, Ibérica Atlántica e Europa Atlántica" e Lourenzo Fernández Prieto, da Universidade de Santiago, exporá "Irlanda-Galicia: dúas traxectorias históricas parellas". A continuación, celebraranse actividades complementarias de man da Asociación Raiceiros, dedicada á investigación e difusión do patrimonio cultural. Proxectarán o documental "Requinteiros. Músicos da Ulla" e o grupo A Gaita de Sarandón ofrecerá un concerto.

Comezarán así unhas xornadas que nacen co triple obxectivo de alentar as relacións entre os investigadores de Galicia e Irlanda e as súas institucións, propiciar os estudos comparativos sobre bases sólidas e facilitar o coñecemento recíproco de dúas culturas e sociedades con moitos elementos comúns. As relacións históricas desde a antigüidade, o asentamento, a sociedade e a economía, a evolución do mundo rural, o nacionalismo e a construción nacional, a emigración, a industrialización e a lingua, literatura e relacións culturais serán os eixes que guiarán esta análise comparada.

No novo marco da Unión Europea, sinalan os organizadores, empezan a recoñecerse elementos de identidade común entre territorios e espazos culturais aparentemente distantes e diversos, como son Galicia e Irlanda, que comparten un amplo abano de características históricas e xeográficas. Como sinala o coordinador da Sección de Cultura Galega no Exterior, Ramón Villares, "Irlanda sempre foi para Galicia un referente, un patrón que imitar moito máis invocado que seguido ao longo dos anos". Unhas relacións comparativas que con este congreso se pretende asentar en bases sólidas desde as diferentes disciplinas.