NOTICIA

----

O CCG INTERCAMBIARÁ EXPERIENCIAS E PROXECTOS CUNHA REPRESENTACIÓN DO CONSELL VALENCIÀ DE CULTURA

A Comisión Executiva do Consell Valencià de Cultura realizará unha visita oficial este martes e mércores ó Consello da Cultura Galega. A Comisión estará encabezada polo Presidente da institución, Santiago Grisolía.

A visita ten como obxecto corresponder á realizada o ano pasado pola Comisión Executiva do Consello da Cultura Galega ás instalacións do Consell Valencià de Cultura e para intercambiar ideas, experiencias e proxectos entre dúas institucións con ámbitos de traballo moi similares.

Tralo intercambio de ideas no CCG, a representación do Consell Valencià de Cultura visitará o Parlamento de Galicia, o Museo do Pobo Galego, a Catedral, a Casa Museo Rosalía de Castro, a Fundación Camilo José Cela. A estadía en Galicia rematará na Coruña cunha visita á Real Academia Galega e ós museos da cidade.

O Consello Valencià de Cultura é unha institución consultiva e asesora da Generalitat valenciana que ten por obxectivos a defensa e difusión da lingua e cultura valencianas, así como a elaboración de informes sobre intervencións no patrimonio cultural da Comunidade Autónoma. Foi creado en 1985 polo Parlamento valenciano.

Presidido polo científico Santiago Grisolía, o Consello Valencià de Cultura conta entre os seus membros con destacados representantes da cultura na Comunidade Valenciana divididos en comisións como Artes, Ciencias, Legado Histórico e Artístico ou Promoción Cultural.