XENÉTICA E HISTORIA ÚNENSE NUNHA XORNADAS PARA ATOPAR NOVAS RESPOSTAS ÓS PROCESOS CULTURAIS DOS POBOS

Cuestións como o celtismo, o nacionalismo ou o fenómeno da globalización poderán atopar novas respostas a partir das teorías que se elaboren a partir de xornadas como "Xenética e historia no noroeste peninsular: unha perspectiva interdisciplinaria", un encontro que se desenvolverá no Consello da Cultura Galega durante os vindeiros días 11, 12 e 13 de abril de 2002. Os coordinadores do encontro, os profesores Anxo Carracedo e Xerardo Pereira Menaut, así como Francisco Díaz-Fierros, coordinador da sección de Ciencia, Tecnoloxía e Sociedade e organizador, foron os encargados de facer a presentación oficial das xornadas, que tivo lugar esta mañá.
Conéctate co Consello da Cultura Galega en Facebook, Twitter ou comparte esta nova:

"A evolución dos estudios científicos de xenética e biotecnoloxía abre novas posibilidades no estudio da historia dos pobos", asegurou un dos coordinadores das xornadas, Pereira Menaut. Este historiador fixo fincapé en que o interese deste tipo de encontros de profesionais radica no feito de que se "poden elaborar novas teorías que nos axuden a explicar determinados fenómenos culturais característicos". "Ata o de agora o contacto entre historiadores e científicos foi escaso e moi puntual", asegurou Xerardo Pereira, quen afirmou que a proliferación de encontros como este, de marcado acento interdisciplinario, facilitarán a apertura a novas explicacións de procesos como o da migración e a mestizaxe total que caracteriza á sociedade actual, "producto da caída das fronteiras e da globalización".

Na mesma liña se pronunciou o outro coordinador das xornadas, o profesor e director do Instituto de Medicina Legal da Universidade de Santiago, Anxo Carracedo, quen asegurou que "debemos ser conscientes de que agora contamos cunha nova ferramenta coa que poder estudiar máis profundamente a historia dos pobos, a xenética". Neste sentido, Carracedo destacou que a evolución da xenética fai posible poñer esta ferramenta ó servicio dos historiadores, "porque os xenetistas non podemos facer historia sen contar con eles, igual que eles non poden seguir ignorando os nosos métodos". O profesor Carracedo tamén aproveitou a súa intervención para destacar o feito de que estas xornadas constitúen unha experiencia pioneira, xa que, por vez primeira, "únense esforzos en materias tan diferentes".

As xornadas "Xenética e historia no noroeste peninsular: unha perspectiva interdisciplinaria" desenvolverase ó longo das xornadas do 11, 12 e 13 de abril, con dúas partes ben diferenciadas. A primeira parte, pola mañá, estarán dirixidas ó público en xeral, ó que se lle tentará achegar unha información doada sobre as ferramentas que historiadores e científicos empregan para explicar a historia dos pobos. A continuación, en sesións de tarde, os profesionais convocados neste encontro reuniranse para elaborar unhas conclusións que posteriormente serán publicadas.