'ALTERNATIVA 2002' ÁBRESE COA DEMANDA DE MAIOR APOIO POR PARTE DAS INSTITUCIÓNS

Setenta e seis artistas e tres semanas de danza, música e teatro. É 'Alternativa 2002', a terceira edición do Festival Alternativo de Teatro, Música e Danza de Compostela que acollerá Santiago entre o 5 e o 23 de marzo e que hoxe se presentou oficialmente no Consello da Cultura Galega. Durante ó acto, no que estiveron presentes representantes das salas alternativas e das entidades colaboradoras, Caixanova e o IGAEM, fíxose fincapé na necesidade dun maior apoio das entidades culturais para a promoción deste tipo de eventos.
Conéctate co Consello da Cultura Galega en Facebook, Twitter ou comparte esta nova:

Neste sentido, a responsable do Teatro Galán, Ana Vallés, quixo destacar a importancia deste festival, ó que cualificou de "insólito" por ser o único destas características que se desenvolve na cidade. Vallés engadiu que, tendo en conta o papel de promoción que desenvolve este evento, "é lamentable que Alternativa 2002 conte cun presuposto de a penas 21.000 euros (tres millóns e medio de pesetas)" do que o 50% corre da conta das salas alternativas que organizan o festival, a Sala NASA e o Teatro Galán.

Tanto Ana Vallés como o responsable da Sala NASA, Xesús de Ron, puxeron de manifesto o seu descontento pola falta de apoio monetario do Consello de Santiago, que "un ano máis volve a non estar connosco, pese a que este Festival estase consolidando", afirmou Ana Vallés. Neste mesmo sentido, de Ron, fixo un chamamento ás institucións culturais para reclamar "maior xenerosidade". "Precisamos de axuda para poder equipararnos a outras cidades con iniciativas similares", asegurou Xesús de Ron, "atopámonos con problemas estructurais xa que recibimos moitas solicitudes de compañías que queren participar no evento pero, co noso reducido presuposto, non podemos seguir crecendo", concluíu.

A presentación dos actos, tamén contou coa participación do vicepresidente do Consello da Cultura Galega, Ramón Castromil, quen destacou a necesidade de promover a cultura galega de cara ó exterior con acontecementos deste tipo, "como elementos dinamizadores da cultura", así como a do xerente do IGAEM, Anibal Otero e o director de comarca de Caixanova, Manuel Arca.

En canto ó programa que se desenvolverá en Santiago durante o mes de marzo, os responsables das salas alternativas destacaron o feito de que combina autores emerxentes con outras produccións sobradamente consolidadas. Ana Vallés destacou os programas propios e as produccións das compañías residentes nas salas, Matarile Teatro e Chévere, que ofrecen "O Navegante" e "O brazo partido", un espectáculo que chegará o Festival de Teatro de Sitges en xuño.

Pola súa banda, Xesús de Ron destacou a grande cantidade de estreas que van vir a Compostela da man de compañías procedentes de Barcelona, Madrid, Países Baixos ou Las Palmas de Gran Canaria, destacando ademais os programas propios: Fóra de Serie, promovendo a danza, e Sen ConTexto, para promover autoras galegas a través dunha iniciativa que baixo o nome de Radio Universo, ofrecerá textos que se emitirán na Cadena Noroeste durante o tempo no que se desenvolverá o festival.