NOTICIA

----

A MOSTRA GALICIA- AMÉRICA CHEGA A BETANZOS PARA AMOSAR OS VÍNCULOS ENTRE OS DOUS POBOS Ó LONGO DOS SÉCULOS

A exposición Galicia - América. Cinco séculos de historia, organizada polo Consello da Cultura Galega en 1992, segue a súa andaina. Agora no Concello de Betanzos que acollerá esta mostra na planta alta do seu Edificio do Liceo a partir de mañá, xoves, 5 de decembro, ás 20.30h nun acto que contará coa presencia do presidente do Consello da Cultura Galega, Alfonso Zulueta.

Madrid, Sevilla, Bos Aires, Montevideo, así como as principais cidades e vilas galegas xa acolleron esta exposición elaborada con motivo da conmemoración do Quinto Centenario polo Consello da Cultura Galega en colaboración coa Consellería de Cultura.

Cen paneis e seis capítulos, "A viaxe", "A chegada", "Fillos de Galicia", "A quinta provincia", "O exilio" e "O retorno", resumen a relación que Galicia mantivo ó longo de cincocentos anos con América dun xeito ameno e cunha montaxe orixinal que lembra ás follas dun libro. A mostra, aínda que con dez anos de historia, segue sendo tan vixente como cando se abriu en 1992 en Santiago, ano no que a visitou Fidel Castro.

A mostra que se exporá en Betanzos é a versión en galego que percorreu boa parte da xeografía galega aínda que tamén existe unha versión bilingüe castelán - galego, que viaxou por varios países de América (Arxentina, Brasil, Venezuela, México, EE.UU) ata quedar definitivamente instalada no Centro Galego de La Habana.

O papel dos galegos na Administración, na Igrexa, na política ou na producción artística, o asociacionismo ou os exiliados son algúns dos puntos que aborda esta mostra.