NOTICIA

----

O CCG PRESENTA UN VOLUME EN TORNO Á SITUACIÓN DE GALICIA FRONTE Á SOCIEDADE DO COÑECEMENTO

O Consello da Cultura Galega acollerá mañá, xoves 6 de xuño, ás 13h., a presentación do libro "Información, tecnoloxía e territorio: Galicia ante a sociedade da información", unha publicación do CCG cunha edición bilingüe galego-inglés na que se recollen algúns das reflexións máis destacadas dunha ducia de expertos que participaron nun seminario sobre as novas tecnoloxías da información que tivo lugar o ano pasado en Vigo entre os que destacan Emilio Ontiveros, Joan Majó, Anibal R. Figueiras ou o propio coordinador da publicación, Xosé Carlos Arias.

Á presentación asistirá o coordinador da Sección de Ciencia, Tecnoloxía e Sociedade, Francisco Díaz-Fierros e o profesor Víctor F. Freixanes, quen participou nunha mesa redonda do encontro que tivo lugar en Vigo.

O seminario do que agora xurde esta publicación foi promovido pola Universidade de Vigo en colaboración coa Consellería de Industria, a Confederación de Empresarios de Pontevedra e o a empresa SOFGAL pero desde un principio foi unha iniciativa apoiada pola Sección de Ciencia, Sociedade e Tecnoloxía do Consello da Cultura Galega que finalmente foi a institución que se fixo cargo da edición.

Nesta obra afóndase na recente fenómeno da sociedade da información en Galicia achegando as visións que poden ofrecer a administración, a empresa e a universidade, co obxectivo final de contribuír á reflexión dos procesos de modernización precisos para que se consolide en Galicia a sociedade da información.

Coa promoción deste tipo de publicacións, o Consello da Cultura Galega quere poñer de manifesto o seu profundo interese por dar saída a este tipo de coñecementos, posto que á cultura, entendida como un conxunto de coñecementos nos que non se deben esquecer os científicos, nada lle debe ser alleo. De aí que o CCG pretenda axudar a tender pontes entre o que se considera tradicionalmente cultura e outro tipo de cuestións que cada día teñen un papel máis importante na sociedade actual como poden ser a novas tecnoloxías.