"A MÚSICA DE FEDERICO MOMPOU", UN DOS MÁIS PRESTIXIOSOS COMPOSITORES DO S.XX, NO CCG

A música do compositor e pianista barcelonés Federico Mompou será o eixo do concerto "A música de Federico Mompou", que o Salón de Actos do Consello da Cultura Galega acollerá durante a tarde de mañá, xoves 7 de febreiro, ás 19,00 h. Trátase dun concerto que desde a Sección de Música e Artes Escénicas preténdese que non sexa un acto illado senón o comezo dunha serie de concertos de música clásica que ó longo de sucesivas xornadas irá acollendo o CCG.
Conéctate co Consello da Cultura Galega en Facebook, Twitter ou comparte esta nova:

A través do piano da viúva de Mompou, Carmen Bravo, e dan voz da soprano catalana Júlia Arnó, todas aquelas persoas que o desexen poderán asistir á interpretación de pezas creadas por un dos máis destacados compositores españois do século XX onde se poñen de manifesto a sutilidade, o equilibrio e o intimismo que predomina na obra deste compositor.

Algunhas das composicións dos Cants màgics, das Canços i dansas, así como pezas de Suburbis como El carrer, el guitarrita i el vell cavall, compoñen o primeiro bloque do programa, que se completará con Carros de Galicia, unha obra nada en 1960 como froito da súa experiencia vital como docente nos cursos de música española 'Música en Compostela' nos que participou desde a primeira edición (1958).

No segundo bloque do programa do concerto centrarase en composicións poéticas ás que Mompou puxo música, como L'hora grisa, un poema do seu amigo Manuel Blancafort, Aureana do Sil, de Ramón Cabanillas ou dous dos poemas máis coñecidos de Gustavo Adolfo Bécquer.

Nado en Barcelona en 1893, Mompou comezou os seus estudios no Conservatorio do Liceo de Barcelona, trasladándose en 1911 a París para ampliar os seus estudios baixo a dirección de Isidore Phillip e Ferdinand Motte-Locroix, entre outros. Co comezo da I Guerra Mundial, Mompou regresa a Barcelona e alí pasa sete anos, durante os cales escribirá as súa primeiras composicións. Como reacción ó exceso de razón que impera naqueles momentos, a súa música será unha busca das formas primitivas, da simplicidade para atopar a maior das expresividades.

En 1921 volve a París, onde as súas obras acadan gran impacto internacional pero, co estalido da II Guerra Mundial, volverá á súa adorada Cataluña, onde se establecerá definitivamente para seguir compoñendo e elaborando novas cancións. Morreu o 30 de xuño de 1987.