NOTICIA

----

O CONCEPTO CULTURA DE PAZ CENTRA O ENCONTRO INTERNACIONAL QUE ACOLLE O CCG A FINAIS DE XANEIRO

O Consello da Cultura Galega e o Seminario Galega de Educación para a Paz (SGEP) colaboran por vez primeira para organizar o I Encontro Internacional sobre Cultura de Paz, que vai ter lugar entre o 24 e o 26 de xaneiro de 2002 na sede do Consello da Cultura Galega. O amplo e complexo concepto de cultura de paz ou polo menos algúns dos seus aspectos centrarán este encontro, tal e como puxo de manifesto o presidente do SGEP e secretario do encontro, Manuel Dios, durante a presentación deste evento que tivo lugar esta mañá no Salón de Actos do Consello da Cultura Galega.

Durante a rolda de prensa desta mañá, Manuel Dios, destacou a enorme sensibilidade que o CCG amosou cando acolleu a organización deste encontro e quixo facer fincapé en que a amplitude do concepto de educación de paz fai imposible abordalo nun só encontro polo que "se pretendeu abordar aqueles conceptos que teñen máis que ver coa situación de violencia e guerra que vivimos actualmente". Pola súa banda, o secretario do Consello da Cultura Galega, Hernique Monteagudo, quen tamén participou na rolda de prensa, destacou que o CCG acolleu esta iniciativa coa pretensión de facer máis amplo e comprensivo o concepto de cultura, alonxándose da idea de que cultura "só é alta cultura e entrando noutros moitos ámbitos e elementos que contribúen á formación do espírito da xente".

Neste sentido, o presidente do SGEP destacou a necesidade de "construir a paz, desaprendendo a violencia porque a violencia tamén se ensina e o que hai que facer é desandar ese camiño" e, segundo Manuel Dios, hai que facelo desde un punto de vista internacional, "de aí a necesidade de contar coa dirección de persoeiros como Federico Mayor Zaragoza, que foi director xeral da UNESCO e presidente da Fundación Cultura de Paz".

De entre os persoeiros que participarán ó longo dos tres días do Encontro, Manuel Dios destacou dúas figuras fundamentais do panorama internacional, o profesor de Estudios para a Paz nas universidades de Hawai, Writeen/Herdeccke, Tromso e na Universidade Europea para a Paz, Johan Galtung, e a profesora da Universidade de Columbia e directora do Programa de Educación para a Paz do Teacher's College, Betty Reardon, "dúas figuras senlleiras nos seus respectivos campos, a investigación e a educación para a paz, respectivamente, cun amplo recoñecemento mundial", destacou o presidente do SGEP.

As intervencións da comunidade internacional naqueles países nos que se violan os dereitos fundametais, a situación da muller afgana e a violencia de xénero, o uso do dereito fronte a violencia terrorista e o mundo árabe serán outros dos aspectos da cultura de paz que serán tratatados a través de distintas conferencias.

Ata o 18 de xaneiro está aberta a posibilidade de inscribirse para participar nestes encontros.