NOTICIA

----

A MEMORIA E A GALICIA DO PADRE SARMIENTO, RECOLLIDA EN IMAXES NUNHA MOSTRA DO CCG

O Consello da Cultura Galega comeza mañá o programa de actos en homenaxe ó Padre Sarmiento, ó que este ano se lle dedica o Día das Letras Galegas. Con tal motivo, o CCG ten previsto inaugurar unha exposición sobre a vida e obra do ilustre padre benedictino baixo o título de "O Padre Sarmiento e a Galicia do seu tempo", nome baixo o que se recollen dúas exposicións que foron elaboradas en 1995 con motivo da celebración do terceiro centenario do nacemento do pai Sarmiento (Vilafranca do Bierzo, 1695).

Agora estas exposicións, compostas por fotografías de Xurxo Lobato e textos de Xosé Filgueira Valverde, poderanse voltar a contemplar no Instituto de Estudios Galegos Padre Sarmiento, situado no convento de San Roque. Ó acto de inauguración da exposición, que terá lugar mañá venres, 8 de febreiro, ás 13.00h., asistirán o director do Instituto de Estudios Galegos, Eduardo Pardo de Guevara, e o presidente do Consello da Cultura Galega, Carlos Casares, entre outras personalidades.

A exposición, da que o Consello da Cultura Galega ten previsto reeditar o catálogo, estructúranse en torno a dous eixos fundamentais: a vida e o tempo do P. Sarmiento. Na primeira exposición pódese contemplar numerosas imaxes da casa e o lugar onde Martín Sarmiento naceu, en Villafranca do Bierzo: a casa onde naceu, a igrexa onde recibiu o bautismo,... pero tamén aqueles outros lugares de infancia, en Pontevedra, que logo lembraría nalgúns dos seus escritos.

Do 'Gran Galego', apelativo que se lle deu pola súa dedicación ó longo de toda a súa vida ó estudio da lingua, as ciencias da natureza e a memoria histórica galega, tamén se recollen nesta mostra imaxes pertencentes a algunha das poucas obras que lle foron publicadas, ademais doutros documentos orixinais manuscritos ou cartas inéditas.

A segunda parte da exposición céntrase na situación na que se atopaba Galicia no tempo de Sarmiento, o século XVIII, século que sería cualificado por Otero Pedrayo como 'dourado outono' xa que naqueles momentos, Galicia caracterizábase por un florecemento económico e intelectual que se reflectiría na producción literaria de dúas figuras senlleiras no panorama intelectual daquel tempo: o Padre Feijoo e o Padre Sarmiento, colaboradores asiduos na elaboración e corrección de textos.