O CCG ACOLLE A ESTREA DUNHA CURTA DE ANIMACIÓN EN PLASTILINA SOBRE SARMIENTO

O Consello da Cultura Galega acollerá mañá o estrea dunha curtametraxe animada en plastilina, "A escola das areas", en torno á figura de Frei Martín Sarmiento (Vilafranca do Bierzo, 1695 - Madrid, 1772), persoeiro relevante da Ilustración española ó que este ano se lle dedica o Día das Letras Galegas. A curta, de 11 minutos de duración, estivo a cargo da productora Lúa Films, en colaboración con Algarabía Animación, a Consellería de Cultura e a Televisión de Galicia, que a emitirá o vindeiro 17 de maio.
Conéctate co Consello da Cultura Galega en Facebook, Twitter ou comparte esta nova:

A proxección terá lugar o venres, 10 de maio, ás 12 horas e contará coa presencia do conselleiro de Cultura, Xesús Pérez Varela, o director xeral de Comunicación Social, Xosé Ignacio Otero, José María Suárez, por parte de Lúa Films, así como Francisco Díaz-Fierros, que acudirá en nome do Consello da Cultura Galega.

"A Escola das Areas" é a terceira producción de Lúa Films dentro da serie A Linga Animada, un proxecto destinado a promove-la cultura galega aproveitando as posibilidades de comunicación e expansión que ten o sector audiovisual. Para iso empregouse a técnica da animación en plastilina, coa que se pretende chegar a todo tipo de espectador.

A serie estaba composta ata o de agora de 3 curtametraxes producidas en homenaxe a outros tres persoeiros das Letras Galegas: no 2000 "Ignotus" unha producción baseada nun relato de Manuel Murguia, no 2001, "Os defuntos falaban Castelao", inspirada nun relato de Anxel Fole e, ese mesmo ano, "Meigallos, Sombras e Papas de Arroz", en torno a Eladio Rodríguez González, curtametraxes todas elas que recibiron premios en distintos festivais cinematográficos.