FERNANDO PEREIRA: "A RAZA É UN CONCEPTO NO QUE INTERVÉN O IMAXINARIO POLÍTICO, ÉTNICO E CULTURAL DE CADA ÉPOCA"

Na xornada da mañá de "Xenética e Historia no Noroeste Peninsular: unha perspectiva interdisciplinaria" foi a quenda da lingua e de que os lingüísticas que acudiron a este encontro que se celebra ata o sábado no Consello da Cultura Galega tentaran casar os seus coñecementos sobre linguas prerromanas coas achegas da xenéticas das poboacións. A idea da raza e a súa evolución histórica ata o século XIX foi o controvertido concepto co que se pechou a xornada da mañá.
Conéctate co Consello da Cultura Galega en Facebook, Twitter ou comparte esta nova:

Fernando Pereira, da Universidade de Santiago de Compostela, foi o encargado de levar adiante esta análise da idea de raza. A súa exposición, centrada no estudio da idea de raza desde o punto de vista da historia das mentalidades e "non desde un punto de vista biolóxico ou antropolóxico", xirou en torno a dous eixes fundamentais: 'raza' é un concepto polisémico que chega a ter moitos significados segundo o contexto no que se desenvolva e, en segundo lugar, o concepto ten un carácter arbitrario, xa que "a raza non é unha realidade empírica senón un concepto no que intervén o imaxinario político, cultural e antropolóxico de cada época", asegurou Pereira.

"O concepto en si nace no século XVIII", asegurou o relator, "que é cando se comeza a falar de raza para referirse a un grupo étnico particular". É a partir de entón cando se establecen as primeiras clasificacións raciais, clasificacións que sitúan as razas negras como inferiores. Segundo Pereira, o XVIII tamén é a época na que comeza o debate ó respecto da orixe do ser humano con dúas posicións ben diferenciadas: uns falan de cada raza como dunha especie diferente, cunha orixe e características distintas e que non se debe mesturar coas demais, os polixenistas. Outros en cambio, os monoxenistas, consideraban unha orixe común polo que as distintas razas eran producto das modificacións que xurdiran co tempo como adaptacións á alimentación, o clima, etc.

Explicadas as orixes e os legados do concepto, a intervención de Fernando Pereira centrouse no século XIX, que é o momento no que todas as ideas anteriores comezan a evolucionar: xurde o determinismo biolóxico, apoiado na idea de que as particularidades raciais de cada individuo son inamovíbeis, e os científicos da época adaptan as xerarquías raciais tradicionais dotándoas dunha base científica e evolucionista, posto que "a idea de raza e a ciencia van da man no século XIX". "É un momento no que a idea da raza está en todas partes: no nacionalismo, na antropoloxía, na lingüística e serve para fundamentar toda clase de cousas: o colonialismo, a loita de clases ou a loita polos dereitos da muller".

Trala análise dun concepto tan difícil como raza, o resto da xornada estivo centrada na análise das linguas prehistóricas. O problema indoeuropeo, as distintas teorías que tentan explicalo e as consideracións que pode ofrecer a lingüística para tentar explicar a orixe, cronoloxía e procedencia do indoeuropeo, centrou a intervención do profesor da Universidade de Salamanca, Francisco Villar Liébana, quen desde a súa área de investigación tentou ofrecer novas perspectivas para a investigación da prehistoria de Hispania.

Neste sentido, Francisco Villar, expuxo as catro teorías (a tradicional, á que fai referencia ás estepas do sur de Rusia, a Neolítica e a da continuidade) que actualmente existen no panorama internacional para tentar explicar o problema indoeuropeo, establecendo de cada unha delas os piares lingüísticos e arqueolóxicos nos que se basean, os seus defensores e a cronoloxía e situación na que establecen a orixe do indoeuropeo. A partir de aí Villar estableceu os instrumentos dos que os lingüistas se valen para abordar o estudio de épocas prehistóricas, isto é, a arqueoloxía lingüística, entendendo como tal a ciencia que pretende "escavar obxectos lingüísticos" da sociedade dunha determinada época, e a toponimia, "que nos serve para establecer a composición étnico - lingüística da iberia prerromana", segundo explicou este relator.

Segundo Francisco Villar, o uso destas ferramentas permite extraer unha serie de conclusións que porían en dúbida algunha das teorías que explican o problema indoeuropeo. Así, por exemplo, a arqueoloxía lingüística permite observar que a flora e a fauna indoeuropea nos remiten a un hábitat setentrional que correspondería ó Norte de Europa ou ás estepas do Sur de Rusia pero en ningún caso a Asia Menor, tal e como suxire a teoría do Neolítico. Do mesmo xeito, Villar destacou que, como resultado de anos de investigación persoal da toponimia peninsular, cría que "o fondo toponímico peninsular máis vello é o indoeuropeo" polo que o suposto substrato mediterráneo que a teoría tradicional establece como precedente non existiría, aínda que esta afirmación non explicaría que é o que había antes do indoeuropeo.

Do caso específico do galego ocupouse o profesor Ramón Mariño Paz, da Universidade de Santiago de Compostela, quen abordou durante a súa intervención os problemas metodolóxicos que supoñía diferenciar o elemento indoeuropeo do que non o é. A pesares diso, Mariño Paz asegurou que pode falarse de que o compoñente principal do galego é latino e o non latino é minoritario. En canto ó non latino, o relator asegurou que o elemento céltico supón só unha parte do substrato indoeuropeo do galego e que se debería falar dun concepto que el denomina "antigo europeo" e que supón unha importante parte da compoñente indoeuropea que non é céltica.