O CCG MULTIPLICOU AS SÚAS ACTIVIDADES ARREDOR DO "DÍA DAS LETRAS GALEGAS" E A FIGURA DE FREI MARTÍN SARMIENTO

As actividades e iniciativas do Consello da Cultura Galega (CCG) multiplicáronse, en diferentes direccións, arredor do Día das Letras Galegas e a figura de Frei Martín Sarmiento (1695-1772), homenaxeado nesta edición. Libros, catálogos e facsímiles, unha exposición vista xa en distintos lugares de Galicia, e próximamente en Vilafranca do Bierzo, e o Proxecto Sarmiento. Obras completas, en colaboración coa Consellería de Cultura, Comunicación social e Turismo, que inclúe a dixitalización de fondos e a súa catalogación e gravación en CD-ROM. A todo esto debe engadirse a divulgación da figura e a obra de Sarmiento a través da web da institución www.consellodacultura.org.
Conéctate co Consello da Cultura Galega en Facebook, Twitter ou comparte esta nova:

O que segue é unha descripción de cada unha das iniciativas e proxectos postos en marcha ó longo dos últimos meses.

Publicacións

O CCG. puxo a dispor de estudiosos e lectores unha edición facsímile da máis documentada biografía de Sarmiento. Trátase de El Gran Gallego, de Antolín López Peláez, publicada en 1895 pola Biblioteca Gallega.

O próximo xoves, día 16, ás 12:00 horas, na sede do CCG., será presentado o Coloquio en 1.200 coplas galegas, descuberta e rescatada na Biblioteca Nacional, en Madrid, polo profesor Henrique Monteagudo.

Apareceu asemade a edición e o estudio Reflexiones literarias para una biblioteca real, a cargo do berciano José Santos Puerto, profesor da Universidade de La Laguna, que vai ser presentada o 18 de maio en Vilafranca do Bierzo.

Ademais, debe mencionarse a reedición das actas do congreso adicado a Sarmiento en 1995 ó cumplírense trescentos anos do seu nacemento. Na mesma ocasión o CCG. publicou tamén o Epistolario, en edición de Xosé Filgueira Valverde, e a edición crítica do Coloquio, preparada por Ramón Mariño.
E ainda o catálogo da exposición que no seu día preparou e redactou con mimo don Xosé Filgueira Valverde.

Tamén merece ser citado o que poderíamos chamar un Libro Xilográfico, de inminente aparición, concibido como homenaxe a Sarmiento por 72 estudiantes de cuarto de ESO do IES "Rosalía de Castro", de Santiago, para, dende a plástica, recuperarmos o pensamento deste gran galego. A obra presenta unha escolma de textos e coplas enmarcadas en diferentes motivos plásticos preparados polos alumnos. O libro imprimiuse no obradoiro de Xosé Garabal Míguez, en Santiago, e da súa composición e deseño ocupáronse os pintores Pedro Ávila e Soledad Pite.

A mostra O Padre Sarmiento e a Galicia do seu tempo, que fai posible un percorrido pola vida e a multiplicada curiosidade intelectual de Sarmiento, puido ser vista xa en Santiago de Compostela (sede do Instituto de Estudios Galegos "Padre Sarmiento"), en Cecebre (A Coruña), na sede da Fundación "Wenceslao Fernández Flórez", en Vigo e tamén en Allariz e O Barco de Valdeorras (Ourense). O próximo 18 de maio será trasladada a Vilafranca do Bierzo, lugar natal de Sarmiento, onde quedará en depósito, indefinidamente, e aberta ó público nun punto estratéxico do Camiño de Santiago. Calcúlase que cada ano poderán visitala unhas sesenta mil persoas.

A efeméride do Día das Letras Galegas puxo en marcha unha serie de conferencias sobre a figura de Sarmiento. Celebradas, por citar algúns exemplos, na Universidade Laboral da Coruña, no Concello de Nigrán (Pontevedra), na Casa da Cultura de Vigo ou no Museo de Pontevedra, foron impartidas por diversos especialistas.
O profesor Henrique Monteagudo, secretario do CCG. participou tamén nun seminario sobre Martín Sarmiento na cultura do século XVIII, celebrado a finais de abril na Universidade de Nova Iorque (EE.UU.) e no que presentaron as súas aportacións: Xan González Millán, José Luís Rodríguez Gómez e o profesor José Santos Puerto.


Proxecto Martín Sarmiento. Obras Completas
O Consello da Cultura Galega puxo en marcha este ambicioso proxecto coa finalidade de editar toda a obra escrita de Sarmiento, figura clave no estudio filolóxico e sociolingüístico do galego e unha das personalidades máis relevantes da Ilustración Española do século XVIII. O proxecto suporá a dixitalización, transcrición e edición crítica dun legado de máis de vinte mil páxinas e ocupará entre cinco e oito anos.

O traballo xa feito inclúe a reproducción, mediante fotografía dixital, dos fondos da colección Medina-Sidonia: os quince volumes gardados en Sanlúcar de Barrameda e os tres volumes do Museo de Pontevedra. Son unhas trinta mil fotografías que están a ser tratadas informáticamente (ordenación, catalogación e gravación en CD-ROM), proceso que estará rematado en dous meses.
Por outra parte, está previsto realizar unha "guía de fondos manuscritos" para poder localizar os manuscritos autógrafos e as copias máis fiables de cada texto con reproducción fotográfica ou dixital. Comezouse a traballar na Biblioteca Nacional, en Madrid, onde se descubriu o orixinal autógrafo das Coplas Galegas.

Tamén se investigou no arquivo do Palacio Real de Madrid, onde se fotocopiou toda a documentación referente á participación de Sarmiento nas obras do Palacio, con abundante material inédito.
Solicitouse o acceso ós fondos da Real Academia da Historia, o Seminario de Tui e o Mosteiro de Silos, onde se garda parte do Archivo General da Congregación de Valladolid, á que pertenceu Frei Martín Sarmiento.

Explorouse a Biblioteca Xeral da Universidade de Santiago, da que se reproduciron, mediante fotografía dixital, varios escritos importantes para a biografía de Sarmiento e traballaráse de inmediato na Biblioteca Universitaria de Oviedo.
O Proxecto Sarmiento conta coa colaboración da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo da Xunta de Galicia.

Sarmiento en Internet
O portal do C.C.G. www.consellodacultura.org acolle, ademais, información biobibliográfica sobre Sarmiento e prepara unha lista de correo arredor do Proxecto Sarmiento, que moderará o profesor Henrique Monteagudo e que estará aberta ás reflexións e aportacións de investigadores, especialistas e estudiosos da obra deste frade ilustrado.

Actos en Vilafranca do Bierzo
O Presidente do C.C.G, Alfonso Zulueta de Haz,. e outros directivos da institución participarán o sábado, 18 de maio, nos actos conmemorativos do Día das Letras Galegas a celebrar en Vilafranca do Bierzo e organizados pola Real Academia Galega e o concello berziano. Nos actos previstos para o mediodía estará presente o Presidente da Xunta de Galicia, Manuel Fraga.
O programa inclúe o acto académico e a inauguración da exposición Sarmiento e a Galicia do seu Tempo.

Pola tarde, a partir das 17:00 horas, celebraráse, por iniciativa do C.C.G., a presentación da edición e o estudio Reflexiones literarias para una biblioteca real, seguida dunha conferencia do autor, o profesor José Santos Puerto.