----

FARIÑA BUSTO: "AS CASAS - MUSEO DEBEN ATOPAR O EQUILIBRIO ENTRE O ÉXITO DE PÚBLICO E A CONSERVACIÓN DO PATRIMONIO"

"A segunda edición das Xornadas sobre Casas - Museo que se desenvolven hoxe e mañá no Consello da Cultura Galega comezaron esta mañá co establecemento dun marco no que inxerir o concepto de casas - museo, abordando os retos que se lle presentan a estas institucións no futuro. Neste sentido, o director do Museo Arqueolóxico de Ourense, Francisco Fariña Busto, expuxo a necesidade de que estas institucións "fagan fronte ós desafíos que se lle presentan, reorganizando o concepto e o rol que desenvolven na sociedade". Fariña Busto asegurou que "debemos loitar para que as nosas actividades culturais sexan consideradas como inversión e non como gasto", traballando por acadar o compromiso da Administración xa que "cada vez máis é preciso facer fronte a novas necesidades con menos recursos".

Neste sentido, Fariña Busto destacou que un dos problemas máis graves ós que se enfrontan as casas de escritores é o do crecemento. "As casas precisan crecer con novas coleccións e tamén respostar ás novas necesidades que lles esixe a sociedade", asegurou, "pero nese crecemento hai que buscar un punto de equilibrio entre o éxito de público e a conservación do patrimonio". En palabras do responsable do Arqueolóxico de Ourense, "non debemos de deixar de exhibir as obras dos autores pero debemos traballar para que as condicións nas que se fan sexan óptimas porque senón estas actuacións irán en detrimento da conservación da obra".

Loitar contra a idealización
Outro dos aspectos centrais que Fariña Busto estableceu foi a necesidade de establecer claramente o que son casas - museo do que non o son, porque dentro de este concepto "atopamos cousas tan distintas como a sede da Fundación Cela e a casa dos irmáns Camba". "As casas - museo representan na tradición museográfica a capacidade de reconstrucción do entorno real do autor fronte ó visitante ou máis que a reconstrucción deberíamos falar da preservación fidedigna", asegurou Fariña Busto, "polo que debemos fuxir da idealización da casa, da personaxe ou do seu entorno porque estariamos desvirtuando a realidade".

En termos similares expresouse o arquitecto e membro do CCG, Andrés Fernández - Albalat, quen na súa intervención falou da necesidade de actuar con rigor na creación dunha casa - museo, traballando na recreación dun momento histórico e nunha peripecia vital, "con imaxinación pero sen novelería", evitando o fetichismo e movéndose sempre "polos sabios camiños da contención", asegurou este arquitecto, autor da restauración das casas de Rosalía de Castro e da de Emilia Pardo Bazán.

Inauguración e lembranza a Casares
Con anterioridade a estes dous primeiros relatorios, tivo lugar o acto de apertura das xornadas, que contou coa participación do coordinador do evento, Gonzalo Rey Lama, o presidente do Consello da Cultura Galega, Alfonso Zulueta e a directora xeral de Promoción Cultural, Mar García Campelo. Rey Lama abriu esta primeira sesión cunha lembranza ó anterior presidente do CCG, Carlos Casares "pola súa presencia nas primeiras xornadas e polo moito que lle interesaba o tema". Rey Lama lembrou que tan só un mes antes do seu falecemento, Casares falaba da posibilidade da facer un libro sobre estas institucións.

Pola súa parte, o presidente do Consello da Cultura Galega, Alfonso Zulueta, destacou o papel que desenvolven as casas de escritores, "como salvagardas deste patrimonio, contribuíndo ó seu espallamento e como ponte para dalo a coñecer á sociedade". Zulueta resaltou o labor destas institucións, "que gardan presencias e palabras", feito que tamén puxo de relevancia a directora xeral de Promoción Cultural, Mar García Campelo, quen asegurou que dos escritores, "membros dunha raza inextinguible", quédannos a súa obra e, ás veces, "os pequenos espacios e obxectos cotiáns cos que os autores construíron o seu mundo, convertidos en personaxes das súas obras". Fóra de mitomanías, a titular da Dirección Xeral de Promoción Cultural, falou das casas - museo como "lugares de peregrinación" e "entrañables institucións", onde aínda se pode notar a presencia do autor e ás que, desde a Xunta, se pretende impulsar para estes centros "se transformen en foros de cultura".