NOTICIA

----

PONTEVEDRA ACOLLE UN ENCONTRO PARA ESTUDIA-LAS PREMISAS DUNHA LEI DE PROTOCOLO DE GALICIA

Os conflictos que xorden á hora de aplicar as regras do protocolo español e as das diferentes Comunidades Autónomas será un dos temas centrais que se abordarán ó longo das dúas xornadas das que se compón o I Encontro de Protocolo e Cerimonial en Galicia, que se desenvolverá na Facultade de Ciencias Sociais da Universidade de Vigo o xoves e o venres, 14 e 15 de novembro.

Organizado pola Facultade de Ciencias Sociais e o Consello da Cultura Galega, a celebración deste evento tamén será aproveitada para dar a coñecer o primeiro borrador para unha proposta de creación da Lei de Protocolo de Galicia, que se acomode á singularidade e o carácter específico das institucións e entidades propias da nosa Comunidade. A simboloxía e a heráldica de Galicia así como o protocolo que debe acompañar ás institucións estatais e a Administración autonómica e local, completarán estas dúas xornadas ás que xa se inscribiron para participar case 350 persoas.

Mesas redondas e expertos
O congreso, que se desenvolverá integramente en Pontevedra, estará composto de relatorios e mesas redondas nos que intervirán, entre outros, María Esther Regueiro, directora xeral de protocolo da Xunta; Alejo Arnáiz, xefe da área de protocolo do Ministerio de Defensa; Eduardo Pardo de Guevara, director do Instituto de Estudios Galegos Padre Sarmiento ou os xefes de protocolo das Deputacións de Lugo e A Coruña, así como profesores e expertos na área de debate.

Os asistentes o I Encontro de Protocolo e Cerimonial de Galicia obterán, trala súa participación, un diploma acreditativo expedido polo Consello da Cultura Galega pero ademais, aqueles que sexan alumnos das facultades de Ciencias da Educación, Ciencias Xurídicas e do Traballo, Dereito, Filoloxía e Traducción e Ciencias Sociais e da Comunicación, poderán obter tamén un crédito de libre configuración.