NOTICIA

----

A XUNTA BUSCARÁ O CONSENSO E A PARTICIPACIÓN PARA O PLAN XERAL DE NORMALIZACIÓN DO GALEGO

A elaboración dun Plan Xeral de Normalización da lingua galega aberto, que busque o consenso de tódalas forzas políticas e a participación da sociedade. Esta foi a premisa fundamental na que fixo un maior fincapé o Director Xeral de Política Lingüística da Xunta, Xesús Pablo González Moreiras durante a súa intervención, que abriu os VI Encontros para a Normalización Lingüística, unhas xornadas que a sede do Consello da Cultura Galega acolle hoxe e mañá.

A metodoloxía de traballo, as estratexias e o programa establecido pola Xunta para levar adiante os obxectivos de política lingüística establecidos na Lei de normalización de 1983 centraron a maior parte do relatorio de González Moreiras, quen insistiu no carácter provisorio e totalmente aberto dos traballos que se están a desenvolver desde o Goberno autonómico. Segundo González Moreiras, estes traballos dirixidos á "revitalización social da lingua e a conseguir establecer un uso normal do galego na sociedade", atópanse na primeira das tres fases das que se compón o plan, centrada en decidir o modelo de actuación máis adecuado en atención á situación real do galego. Segundo Moreiras, o calendario para o remate destes traballos, absolutamente provisional, estaría establecido para o segundo trimestre do 2003.

Camiño do anteproxecto
Na actualidade están a iniciarse os traballos da segunda fase, que contempla a realización de máis de cento cincuenta entrevistas cos persoeiros relevantes relacionados coa lingua co obxectivo de, a través de comisións técnicas que estudien as diferentes áreas de actuación, elaborar un anteproxecto. Segundo explicou o Director Xeral de Política Lingüística, este primeiro esbozo estará sometido a continuas reformulacións e emendas, ata que se consiga o anteproxecto definitivo que será elevado para a súa aprobación ó Parlamento de Galicia.

González Moreiras insistiu na "necesidade de implicar ós expertos que nos axuden a definir accións concretas para acadar ós nosos obxectivos pero tamén ás institucións", implicación que, segundo Moreiras debe traducirse en investimentos, aínda que a Dirección Xeral siga sendo a que aporte a maior parte dos recursos económicos.

O modelo do plan, a debate
A comparación do Plan galego coas tarefas de normalización das outras comunidades históricas puxo punto e final á intervención do responsable de Política Lingüística da Xunta, aspecto co que enlazou a mesa de traballo que se desenvolveu a continuación no marco destes Encontros. Neste sentido, o participantes na mesa, Manuel Núñez Singala, Anxo Lorenzo e Manuel Portas, responsables dos Servicios de Normalización da Universidade de Santiago, da de Vigo e do Concello de Santiago, respectivamente, fixeron unha posta en común en torno á metodoloxía, contidos e medidas que aplicaron o que pretenden aplicar para a extensión do uso da lingua galega.

Tanto Núñez Singala como Manuel Portas, expuxeron a xénese e a posta en marcha dos plans que se puxeron en marcha na Universidade de Santiago e do Concello, respectivamente. Pola súa banda, Anxo Lorenzo incidiu no feito de que a Universidade de Vigo non conta con plan de normalización, aínda que hai vontade e ideas polo que "o plan é un proxecto futurible pero que pode converterse nunha realidade nos próximos meses". En canto ó da Universidade de Santiago, Núñez Singala sinalou que o plan debaterase mañá no primeiro Claustro que celebrará a USC co seu novo equipo rectoral, encabezado por Senén Barro.

A inauguración oficial dos Encontros estivo presidida por Alfonso Zulueta de Haz, presidente do CCG, e contou coa participación do Director Xeral de Política Lingüística, González Moreiras, o director da Escola Galega de Administración Pública, Domingo Bello Janeiro, e o coordinador das xornadas e secretario do CCG, Henrique Monteagudo.