NOTICIA

----

EXPERTOS DENUNCIAN A FALLA DE APOIO E RECOÑECEMENTO DOS ESTADOS E DA UE CARA ÁS LINGUAS MINORITARIAS

Ignoradas e sen ningún tipo de recoñecemento. Así se atopan moitas linguas minoritarias en Europa segundo puxo de manifesto Henrique Costas, profesor de Lingua Galega na Universidade de Vigo, durante a mesa de traballo que se desenvolveu esta mañá no marco dos VI Encontros de Normalización Lingüística na sede do Consello da Cultura Galega.

"Non hai interese ningún recoñecer que, por exemplo España é un país con dez linguas", afirmou Costas, "unha maioritaria, o castelán, outras minoritarias recoñecidas como o catalán en Cataluña ou o galego en Galicia pero outras minoritarias non recoñecidas como o galego en Asturias, o catalán en Murcia ou o vasco en Castela León". Henrique Costas fixo fincapé no tratamento desigual que recibe os falantes dunha lingua como o galego no Bierzo ou en Asturias. Para chegar ata ese punto, o relator ofreceu un minucioso percorrido pola situación na que se atopan as linguas minoritarias en Europa.

Desde a férrea represión étnica e lingüística en Grecia, onde non se recoñece ningún dereito lingüístico ata Hungría, onde a situación das minorías é mellor, cun recoñecemento da pluralidade lingüística de xeito eficacia, o profesor da Universidade de Vigo fixo fincapé na falla de interese que se detecta en toda Europa en recoñecer que existen outras linguas, incluso en países á cabeza da defensa das liberdades, como é Francia, onde o francés é o único idioma oficial e o resto das linguas son consideradas como dialectos.

Modelos de diversidade lingüística
A mesa de traballo en torno á diversidade lingüística en Europa pechouna Taina Hämäläinen, profesora de galego na Universidade de Helsinki, quen abordou os dous principais modelos lexislativos en materia lingüística que se aplican en Europa, o territorial ou o persoal. O primeiro basearíase na zona xeográfica de influencia da lingua e o segundo na liberdade persoal do individuo para escoller cal é a lingua coa que se quere dirixir á Administración. Segundo a profesora Hämäläimen, a mellor opción sería a combinación de ambos principios.

E das situacións particulares de cada estado pasouse ás actuacións da Unión Europea en materia de política lingüística, prestando unha especial atención á situación na que se atopan as linguas minoritarias nese ámbito e como vai respostar a UE ó reto da ampliación cara ós países do Leste. Estes aspectos foron abordados no relatorio de Bojan Brezigar, presidente da Oficina Europea para as Linguas Minorizadas. Brezigar amosouse moi pesimista respecto do papel que a Unión Europea pode chegar a desenvolver na protección e promoción das linguas minoritarias posto que na lexislación que ata o de agora se fixo respecto deste ámbito, "nunca se puxo en marcha políticas lingüística concretas xa que, confundindo minoría e lingua, se considerou que as minorías son un problema político que pon en perigo a soberanía dos estados", explicou.

Pesimismo
A consecuencia foi que as linguas minoritarias en Europa acabaron considerándose como un problema política que debía solucionar cada un dos Estados de xeito particular. Brezigar asegurou tamén que "nin existen políticas ó respecto, nin hai vontade de tratar esta cuestión nin os tratados permiten que se desenvolvan actividades que apoien a estas linguas" polo que, concluíu que "pasará moito tempo ata que poidamos falar de políticas comúns da UE respecto ás linguas minoritarias".

Os VI Encontros para a Normalización Lingüística pecharanse esta tarde cunha mesa de traballo e un acto de clausura que contará coa presencia do presidente do CCG, Alfonso Zulueta e o secretario do CCG, Henrique Monteagudo.