O profesor Henrique Monteagudo, secretario do Consello, salientou o que cualificou de "valor excepcional" do autógrafo manuscrito, datado en 1746 e localizado recentemente por el mesmo na Biblioteca Nacional, en Madrid. "Constitúe un dos primeiros ensaios de restauración do cultivo escrito do idioma galego despois da decadencia tardo-medieval e unha achega fundacional á lingüística galega e iso outórgalle unha significación absolutamente emblemática na historia do idioma galego", asegurou.
Facilidades da Biblioteca Nacional
Monteagudo expresou o agradecemento do Consello da Cultura Galega a Natividad Correas, Directora Técnica da Biblioteca Nacional, "por ter facilitado a simplificación dos trámites imprescindibles para a edición facsímile nun tempo record, se se ten en conta que o orixinal autógrafo do manuscrito foi localizado a finais do pasado mes de febreiro".
En relación coas características do texto de Sarmiento, o investigador destacou as numerosas correccións polo seu valor lexicográfico e a tendencia do frade ilustrado a "enxebrizar o seu galego" con exemplos como "atustullar" por encher, "sellas" por cántaros ou "preguei" por pedín.
Día das Letras Galegas
Pola súa parte, o Presidente do Consello da Cultura Galega, Alfonso Zulueta de Haz, saudou esta nova iniciativa de estudio e espallamento da obra de Frei Martín Sarmiento e situouna dentro do cobizoso PROXECTO SARMIENTO, iniciativa coa que o Consello se propón a longo prazo, acometer a edición crítica de toda a obra escrita legada por esta figura sobranceira da Ilustración.
Alfonso Zulueta felicitouse por ese traballo interdisciplinaria que definiu como "un paso máis no compromiso coa cultura e a lingua galegas". "Creo que o DÍA DAS LETRAS GALEGAS, debe ser, ademais dunha festa, un compromiso activo e decidido na potenciación e espallamento da cultura e a lingua galegas a tódolos niveis, con enfoques plurais e criterios abertos", dixo.
http://www.culturagalega.org/eventos/letras2002/
index.htm
http://www.consellodacultura.org/mediateca/
sarmiento.htm