----

O CONSELLO DA CULTURA GALEGA INAUGURA MAÑÁ AS XORNADAS "A ARQUITECTURA DESDE MADRID"

A Sección de Arquitectura do Consello da Cultura Galega celebra este xoves e venres, días 16 e 17 de decembro, as xornadas "A arquitectura desde Madrid", coas que se pretende ofrecer por vez primeira en Galicia unha visión ampla e pluriperspectiva da arquitectura que se está a desenvolver na actualidade na capital do estado. Destacados arquitectos, críticos e investigadores compartirán dous días de debate e reflexión sobre as súas traxectorias e obras, sobre os seus coñecementos e opinións sobre a arquitectura madrileña.

O encontro comezará coa inauguración das xornadas ás 10:00 a cargo do presidente do Consello da Cultura Galega, Alfonso Zulueta de Haz, e coa intervención dos coordinadores das xornadas: o responsábel da Sección organizadora, Iago Seara, e o profesor da Universidade Politécnica de Madrid Gabriel Ruiz Cabrero. Con esta presentación, abriranse dous días de debate e reflexión coa participación de catorce dos máis relevantes arquitectos madrileños, como Juan Navarro Baldeweg, Tuñón e Mansilla ou Juan Antonio Corrales, e máis dun centenar de profesionais e estudantes galegos inscritos no evento.

A redefinición do carácter de metrópole cultural de Madrid dentro da Península, o seu contacto coas escolas de máis recente aparición e o seu posicionamento dentro dun constante proceso de descentralización cultural son algunhas das cuestións que se analizarán polo miúdo. Ademais, moitos dos profesionais convidados exporán o máis significativo das súas obras, proxectos e ideas máis significativas.

* Máis información na web da institución: http://www.consellodacultura.org