----

OS ENCONTROS PARA A NORMALIZACIÓN LINGÜÍSTICA ABORDARÁN O PLANO XERAL EN VÉSPERAS DA SÚA APLICACIÓN

O Centro de Documentación Sociolingüística de Galicia do Consello da Cultura Galega celebrará este xoves, venres e sábado, días 20, 21 e 22 de xaneiro, a oitava edición dos Encontros para a normalización Lingüística. Estes encontros constitúen o único foro regular convocado anualmente para o estudo, reflexión e o debate sobre os problemas da promoción social do idioma. Pretenden ademais converterse no punto de encontro das persoas que desenvolven o seu labor profesional nos diferentes servizos lingüísticos, contribuír á formación de especialistas en sociolingüística galega e dar a coñecer os novos proxectos e recursos elaborados para o desenvolvemento e difusión do galego.

Nesta VIII edición, os temas máis salientables que se tocarán son tres: no apartado de novas tecnoloxías, os recursos lingüísticos na rede; na análise de ámbitos cruciais para a normalización, a situación sociolingüística e mais o papel dos medios de comunicación; e canto a iniciativas de relevo, o Plano Xeral de Normalización Lingüística (PXNL), aprobado recentemente polo Parlamento galego e que a Xunta, a través da Dirección Xeral de Política Lingüística, comezará a aplicar desde este sábado.

Así, o segundo día das xornadas estará dedicado case en exclusiva ao PXNL, coa asistencia de expertos que participaron na súa elaboración e de representantes e responsables políticos e axentes sociais. O propio director xeral de Política Lingüística, Xesús Pablo González Moreiras, será o encargado de analizar as perspectivas de execución do Plano ante o persoal dos servizos de normalización lingüística e servizos de tradución das diferentes administracións galegas e de entidades privadas, investigadores especializados en sociolingüística galega, xestores lingüísticos e estudantes que asistirán aos encontros.

Os encontros terán lugar na Aula de Cultura de Caixa Galicia en Santiago de Compostela e na sede do Consello da Cultura Galega. O acto de inauguración do foro, no que colaboran a Obra Social de Caixa Galicia e a Coordinadora de Traballadores e Traballadoras de Normalización da Lingua, contará coa presenza do director xeral de Política Lingüística, Xesús Pablo González Moreiras, e do presidente do Consello da Cultura Galega, Alfonso Zulueta de Haz.