----

A TRADUCIÓN DE OBRAS, TEMA DE DEBATE NA TERTULIA MENSUAL DO CONSELLO DA CULTURA GALEGA

A Sección de Literatura e Industrias da Edición do Consello da Cultura Galega continúa o seu programa de tertulias mensuais coa celebración este xoves, día 20 de xaneiro, dunha tertulia sobre "A tradución". Tres convidados especializados no tema vertebrarán o encontro coas súas reflexións e valoracións en torno á situación, características e problemáticas da tradución de obras doutros idiomas ao galego e de obras galegas a outros idiomas.

No encontro participarán Xosé Mª Gómez Clemente, profesor da Faculdade de Tradución da Universidade de Vigo e presidente da Asociación de Tradutores en Lingua Galega; Xosé Antonio López Silva, profesor de latín no IES do Porto do Son e tradutor do "Cronicón" de Idacio de Chaves, que investiga sobre a tradución dos clásicos no sistema literario galego; e Leandro García Bugaría, profesor no IES Carlos Casares de Nigrán e voceiro na xunta directiva da Asociación de Tradutores.

Esta tertulia continúa o ciclo iniciado o ano pasado polo CCG e no que ata o de momento participaron escritores como Suso de Toro, Xesús Alonso Montero, Urbano Tavares e Anxos Sumai e no que se abordaron temas como as novas narradoras, o libro galego ou o significado do Día das Letras Galegas. As tertulias son gravadas e posteriormente quedan a disposición do interesados en Lg3, o soportal de literatura de culturagalega.org, no enderezo http://www.culturagalega.org/lg3/
- Hora: 17:00
- Lugar: biblioteca da sede do Consello da Cultura Galega. Pazo de Raxoi. 2º Andar. Santiago de Compostela.