----

O CONSELLO DA CULTURA PRESENTA EN VIGO UNHA SERIE DE 13 DOCUMENTAIS SOBRE RELEVANTES ARQUITECTOS GALEGOS

O Consello da Cultura Galega (CCG) presenta este luns, día 24 de xaneiro, a colección de 11 carteis "Arquitectos galegos" e a serie documental "A idea construída" (13 arquitectos), dous achegamentos á obra das máis importantes figuras da arquitectura galega contemporánea. O acto, que se celebrará ás 20´00 horas na delegación do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia en Vigo (rúa Marqués de Valladares, 27), servirá tamén para render homenaxe á obra e á memoria do arquitecto Xosé Bar Boo.

Na sesión intervirán: Iago Seara Morales, coordinador da Sección de Arquitectura do CCG; Teresa Táboas Veleiro, decana do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia; Eloy Lozano, director da serie "A idea construída"; Francisco Campos Freire, director xeral da Compañía de Radio- Televisión de Galicia; Alfonso Zulueta de Haz, presidente do CCG, e Alberto Núñez Feijóo, vicepresidente primeiro da Xunta de Galicia e conselleiro de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda.

TRECE DOCUMENTAIS

A serie documental "A idea construída" achéganos o traballo e a figura de trece arquitectos galegos que nos últimos 50 anos abriron novos camiños pola súa creatividade, rigor constructivo, formulacións artísticas e técnicas constructivas relevantes, pero tamén polo seu discurso e pensamento persoal e pola obra construída e representativa.

Realizados por Eloy Lozano, cunha duración de 28 minutos, serán emitidos pola Televisión de Galicia (TVG) e están dedicados a: César Portela, Iago Seara Morales, Alfonso Penela, Alberto Noguerol, Andrés Fernández-Albalat, Xosé Bar Boo, Alfredo Freixedo Alemparte, Fernando Blanco Guerra, Pedro de Llano Cabado, Manuel Gallego Jorreto, Xesús Irisarri, Rafael Baltar Tojo e Carlos Meijide Calvo.

A serie pretende afondar no patrimonio arquitectónico máis recente creado en Galicia por profesionais galegos, proporcionando unha visión ampla e complexa da arquitectura galega. O acto, que servirá para homenaxear e lembrar a Xosé Bar Boo, incluirá a proxección do vídeo documental dedicado a esta figura relevante da arquitectura galega contemporánea.

ONCE CARTEIS

Concebidos como un proxecto didáctico e divulgativo pola Sección de Arquitectura, os 11 carteis publicados están dedicados monograficamente á obra dun ou varios arquitectos. Contan cun corpo central articulado en base á presenza de fotografías de doce obras fundamentais do autor e, en columnas situadas nas marxes, figura un texto, en galego e en inglés, no que se introducen algúns conceptos fundamentais en relación coa obra reproducida.

Deseñados por Xosé Díaz, os carteis recollen obras de: Xosé Bar Boo; Alejandro de la Sota; Andrés Fernández-Albalat; Rafael Baltar Tojo, Carlos Almuiña e José Antonio Bartolomé; Manuel Gallego Jorreto; César Portela; Alfonso Penela; Alberto Noguerol e Pilar Díez; Iago Seara Morales; Xesús Irisarri e Guadalupe Piñera; e Carlos Quintáns, Cristóbal Crespo e Antonio Raya. O proxecto, aberto e en progresión, ampliarase en próximas edicións a autores non incluídos nesta primeira fase.