----

O INFORME DA COMUNICACIÓN CHAMA A ATENCIÓN SOBRE OS RETOS QUE DEBEN AFRONTAR MEDIOS E PROFESIONAIS

A Sección de Comunicación do Consello da Cultura Galega (CCG) presentou esta mañá o Informe A Comunicación en Galicia 2004, unha publicación bianual que analiza a situación dos medios en Galicia e as tendencias que se perfilan no hipersector da comunicación.

Durante a presentación da obra, o seu coordinador e responsable da Sección de Comunicación, Xosé López, sinalou que este informe describe como "o sector da comunicación vive nun proceso de continuas transformacións que se irán incrementando debido á transformación dixital, sobre todo no caso dos medios audiovisuais, o que provocará unha reestructuración das empresas, dos medios e dos soportes".

Entre as tendencias que analiza este informe, o seu coordinador apunta elementos como o proceso de diversificación, redefinición e incremento da actividade das pequenas empresas mediáticas e o progresivo afianzamento de sectores como as televisións locais, a producción audiovisual e o uso de Internet. Para Xosé López, "a comunicación en Galicia entrou no século XXI cunha forte matriz local" e con retos pendentes como a elaboración dun estatuto da profesión ou a reforma dos medios públicos. Como características neste proceso, tamén salienta o aumento do número de profesionais e da producción de investigacións no ámbito da comunicación, debido principalmente aos estudios universitarios nesta área.

Comparando este informe cos resultados da anterior análise, realizada en 2002, o coordinador da Sección de Comunicación do CCG salienta que hai unha tendencia á continuidade e ao mantemento do modelo de comunicación existente, consolidándose e redefiníndose os proxectos e as empresas.

Pola súa banda, o presidente do Consello da Cultura Galega, Alfonso Zulueta de Haz, destacou durante a presentación da obra o papel da comunicación como "un sector estratéxico, pola súa determinante influenza nos comportamentos, na configuración, na cohesión e na formación das sociedades modernas". Un sector no que, sinala, "vivimos tempos de cambios moi acelerados" polas grandes transformacións tecnolóxicas, que "requiren novas concepcións e iniciativas desde os medios de comunicación galegos". O Informe A Comunicación en Galicia 2004 recolle artigos de 28 destacados investigadores e profesionais da comunicación en torno a dúas áreas principais de traballo: a análise da situación dos diferentes medios de comunicación e as tendencias que se perfilan no ámbito da comunicación. Expertos como Alfonso Sánchez Izquierdo, Xurxo Lobato, Xosé Ramón Barreiro, Xosé Luís Barreiro, Caetano Díaz, Domingo Docampo, Luis Villamor ou Miguel Túñez, entre moitos outros, ofrecen as súas análises e opinións para axudar a comprender mellor as transformación que se están producindo no sector da comunicación en Galicia.

O obxectivo final é fomentar o debate sobre a comunicación, de xeito que se senten as bases dun diálogo continuo entre os profesionais e investigadores. Como sinala Xosé López, "os desafíos no sector afróntanos non só as empresas senón tamén os profesionais". "O xornalismo galego, como o xornalismo universal deste comezo de milenio, precisa de doses de aire fresco, elaborar productos que non só teñan boa presentación, senón tamén que antepoñan a busca da verdade a calquera outra consideración e que garantan o rigor. É dicir, que ofrezan calidade. A publicación está dispoñible para a súa descarga gratuíta na web da institución:http://www.consellodacultura.org/mediateca/index.htm