----

ABERTO O PRAZO DE INSCRICIÓN PARA O "IV ENCONTRO O SON DA MEMORIA. A MÚSICA GALEGA NA EMIGRACIÓN"

O Arquivo Sonoro de Galicia do Consello da Cultura Galega (CCG) celebrará o vindeiro 17 e 18 de febreiro o IV Encontro O Son da Memoria, dedicado nesta ocasión á música galega na emigración. Estudosos, músicos e xente vinculada á produción artística e cultural analizarán nesta cita as músicas emigradas, a produción musical dos galegos fóra do país. A música na colectividade galega da Cidade da Habana antes do triunfo da revolución castrista, as culturas musicais do arraigamento e o desarraigamento, a construción da galeguidade en Lisboa e o patrimonio musical galego dos que emigraron a Arxentina serán algúns dos temas abordados.

O exilio político forzoso, o auto-exilio, a simple arela de formación e expresión artística noutros contornos, e non só os movementos migratorios marcados pola necesidade económica, son os determinantes e condicionantes dun movemento cultural caracterizado polas influenzas externas, a mestura de formas e contidos, os produtos híbridos que transcenden as fronteiras mentais e políticas, transformando as vellas concepcións.

Ante esta situación, os expertos pregúntanse por cuestións como as relacións de pertenza que unen as producións musicais e outros bens patrimoniais aos países de orixe e destino ou se serán os procesos de hibridación actuais os que firmen a sentencia de morte dos sinais de identidade das comunidades minoritarias. Estas e outras cuestións serán analizadas no Encontro por especialistas na materia, que nos guiarán e enriquecerán os nosos recursos de análise e percepción dunha realidade que cambia a unha velocidade cada vez máis vertixinosa.

Os interesados en participar neste Encontro, coordinado por Rodrigo Romaní, poden inscribirse gratuitamente a través da páxina web da institución ou ben na propia sede da institución.