----

A MÚSICA GALEGA NA EMIGRACIÓN, PROTAGONISTA DO IV ENCONTRO "O SON DA MEMORIA"

A música galega na emigración será o tema de debate e análise do IV Encontro O Son da Memoria, organizado polo Arquivo Sonoro de Galicia (Consello da Cultura Galega). O encontro celebrarase este xoves e venres, días 17 e 18 de febreiro, e contará coa participación de destacados expertos, músicos e de xente vinculada á produción musical e cultural, como Deborah Pacini, Andrés Gaos e o antropólogo arxentino Norberto Pablo Cirio.

O exilio político forzoso, o auto-exilio, a simple arela de formación e expresión artística, e non só os movementos migratorios marcados pola necesidade económica, son os determinantes e condicionantes dun movemento cultural caracterizado polas influenzas externas, a mestura de formas e contidos, os produtos híbridos. Por elo, o coordinador das xornadas e secretario do Arquivo, Rodrigo Romaní, destacou na presentación do Encontro a importancia de abordar estes fenómenos non só como unha cuestión do pasado histórico senón tendo en conta a interacción dos productos culturais creados por estes grupos nos países de orixe e nos países de acollida.

Para coñecer máis polo miúdo a música na emigración, o primeiro día as xornadas abordarán temas como as culturas musicais do arraigamento e o desarraigamento, a música latina en Estados Unidos, a construción da galeguidade en Lisboa e os procesos de hibridación e aculturación nas músicas emigradas. Xa o segundo día, o debate e a análise centraranse na emigración galega, analizando a música na colectividade galega da Habana antes do triunfo da revolución castrista e a música galega en Arxentina. Tamén se debaterá en torno á propiedade dos fondos documentais e sonoros da emigración baixo a premisa de "¿quen é o propietario de todo este patrimonio, o país de orixe dos emigrantes ou o país que os acolle?".

Homenaxe a Andrés Gaos

Entre as actividades do Encontro, Rodigro Romaní tamén destacou a lembranza que se lle renderá a un dos máis grandes compositores galegos, Andrés Gaos (1874-1959). O seu fillo Andrés Gaos Guillochon falará sobre as súas composicións e para clausurar as xornadas, membros do Conservatorio de Música de Vigo ofrecerán un concerto con sonatas e cancións do homenaxeado.

Durante a presentación esta mañá do Encontro, o director do Arquivo Sonoro de Galicia, Ramón Castromil, presentou as actas das anteriores edicións destas xornadas. O volume recolle os relatorios dos I, II e III Encontros organizados en 1999, 2000 e 2003, no queparticiparon destacados especialistas, galegos e foráneos. Cada un destes encontros xirou arredor dunha temática específica: a cultura oral, a música popular, os aspectos de clasificación dentro dos arquivos sonoros, os usos públicos do material sonoro e os dereitos de propiedade intelectual.

Estas xornadas de estudo e debate queren reclamar a posición que o patrimonio sonoro debe ocupar dentro do amplo eido da cultura e, en especial, da cultura galega. Para Ramón Castromil, é inegable "a importante significación que este patrimonio tivo e ten na configuración da historia, da cultura e da identidade de Galicia, por riba dos seus límites xeográficos, agrandados pola realidade da emigración, capaz de ensanchar e enriquecer tamén este noso patrimonio".

As persoas interesadas en asistir a este encontro poden inscribirse de xeito gratuíto na sede do Consello da Cultura Galega ou a través da páxina web: http://www.consellodacultura.org/