NOTICIA

----

UTILIDADE E PRAGMATISMO SON AS CHAVES DO NOVO FORMATO DO PORTAL CULTUGALEGA.ORG PRESENTADO ESTA MAÑÁ NO CCG

O vicepresidente do Consello da Cultura Galega, Ramón Castromil, encargado de presidir esta mañá o acto de presentación oficial do novo formato de Culturagalega.org xunto co coordinador da Sección de Comunicación, Xosé López, e o director do portal, Manuel Gago, ocupou parte da súa intervención nunha lembranza do obxectivos que moven ó Consello da Cultura Galega, destacando a aposta deste institución pola divulgación e por achegar a cultura galega ós públicos máis novos a través da Rede.

Castromil falou do importantísimo papel que o CCG debe xogar na nova sociedade do coñecemento, "o CCG é unha Institución do Coñecemento", asegurou, e nese coñecemento "camiñamos na aplicación das novas tecnoloxías na xestión e divulgación da cultura galega". Neste sentido, Castromil destacou o feito de que o CCG sexa unha das poucas institucións que acollen un portal coma Culturagalega.org, "pioneiro e único creado dentro dunha institución para dar a coñecer e divulgar unha lingua e cultura periférica".

Pola súa parte, o coordinador da Sección de Comunicación, Xosé López, destacou que este redeseño é "un paso adiante que supón a maduración do portal e a consolidación dun proxecto que ata agora estaba en proceso de lanzamento". Segundo asegurou Xosé López, a consolidación deste proxecto "modesto pero certeiro" supón un éxito para o seu equipo, "un dos maiores valores cos que conta o portal" pero tamén un éxito da estreita colaboración que mantén Culturagalega.org coa Universidade de Santiago de Compostela a través do grupo de investigación de Novos Medios da Facultade de Xornalismo, da que López é decano. O coordinador da Sección de Comunicación rematou a súa intervención agardando que o portal siga crecendo no coñecemento do seu público e na evolución cara unha posible internacionalización do proxecto.

"Útil, práctico e sinxelo"
Cun tempo de consumo por usuario moi alto, ó redor de mil visitas diarias e máis de 400.000 usuarios, ademais dunha ampla cantidade de documentos e recursos da cultura galega, o portal renovouse sobre as bases do racionalismo e a desnudez, en canto ó deseño. "Fixemos un enorme esforzo de aclaración dos contidos baixo ó concepto de ofrecer un portal útil, práctico e sinxelo", asegurou o director do portal, Manuel Gago. Neste sentido, Gago fixo fincapé no feito de que a renovación chega tras unha andaina que lles permitiu coñecer ós gustos e as capacidades técnicas dos seus usuarios, de aí que o redeseño teña varios puntos fortes: un acceso máis doado e personalizado ós contidos, máis información, buscando temas que poidan interesar á xente así como a organización e maior aproveitamento dos recursos cos que conta o portal e o Consello da Cultura Galega.

Outro dos aspectos destacados polo director do portal foi o feito de que o Consello da Cultura Galega "é unha das poucas institucións que xa conta cunha tecnoloxía propia para a xestión de contidos, plataforma de publicación electrónica que será o cerne para a expansión do Sistema Cultural en Rede", un sistema no que se pretenden articular todos los recursos e contidos xerados polo CCG.