NOTICIA

----

PRESENTACIÓN DO MONOGRÁFICO DA REVISTA DE LITERATURA "QUIMERA" DEDICADO A CARLOS CASARES

O número 217, correspondente a xuño de 2002, da revista literaria Quimera, acolle o monográfico CARLOS CASARES: MEMORIA Y HOMENAJE. Ó longo de 36 páxinas esta revista editada en Barcelona recolle os artigos de doces escritores, especialistas e estudiosos, que percorren as diferentes significacións (literaria, cultural e de editor) dunha figura senlleira da literatura e da cultura galega.

Basilio Losada, Jon Kortázar, Víctor Freixanes, Suso de Toro, Bieito Iglesias, Luisa Castro, Dolores Vilavedra, Camiño Noia, Xan Bouzada, Silvia Gaspar e Marcos Valcárcel escriben neste número especial, que inclúe unha parte da derradeira entrevista extensa concedida por Carlos Casares a Belén Fortes e publicada en Tempos Novos.

O monográfico deste número, certamente unha homenaxe a quen fora escritor recoñecido, editor e presidente do Consello da Cultura Galega, conclúe cunha biobliografái 8 1941 (2002) que ofrece, en síntese, unha panorámica da peripecia vital e profesional dos 60 anos do autor de "Un país de palabras".

A coordinadora deste especial, Rexina R. Vega, fala de Casares como "un dos escritores, dos intelectuais galegos con máis proxección fora da súa terra, home da amigos fieis e interlocutor de primeira liña". E engade, "a cultura española recoñecía nel a un dos grades representantes da Galicia contemporánea, unha referencia sólida e brillante na periferia".

Pola súa banda, Víctor Freixanes refírese a el como "embaixador". "Carlos actuaba sempre- escribe- como embaixador. Non de si mesmo se non de todos nós. As súas relacións con outras culturas e outras literaturas empuxábano cara eses espacios de relación, ademais da súa convicción herdada do mellor galeguismo, do que unicamente abrindo Galicia e a súa literatura ó mundo, proxectándonos cara ó exterior e deixando que entrara aire polos balcóns, podía a nosa literatura periférica entrar na modernidade e fortalecer os seus procesos de renovación", explica Freixanes.

Este monográfico constitúe, en definitiva, o primeiro achegamento ó legado dunha personalidade poliédrica, brillante e cativadora, a quen a revista Quimera describe como "un galego fino, sabio, profundamente demócrata e cosmopolita".