O CCG ACOLLE UN SEMINARIO SOBRE A EMIGRACIÓN ARTÍSTICA GALEGA NA ARXENTINA DE FINAIS DO S.XIX

A emigración artística galega e a súa inserción no mercado da arte española de Arxentina no período de tempo comprendido entre finais do século XIX e os anos 20 son os eixes fundamentais do seminario Emigración e arte galega na Arxentina: discursos, espacios de difusión e mercado que a profesora da Universidade de Rosario (Arxentina), Carina Frid ofrecerá o vindeiro luns, 11 de marzo, ás 19 h. na sede do Consello da Cultura Galega.
Conéctate co Consello da Cultura Galega en Facebook, Twitter ou comparte esta nova:

O papel que artistas galegos como Cao, Alonso ou Eusevi desenvolveron no campo da ilustración e da prensa popular arxentina será outro dos puntos fortes da intervención da profesora Frid, relevante docente de Pensamento Económico da Universidade Nacional de Rosario e investigadora do Consello de Investigacións Científicas e Técnicas (CONICET). Do mesmo xeito, esta profesora e investigadora arxentina tamén abordará as reivindicacións daqueles artistas galegos que falaron dun arte 'rexional' galego a partir da segunda década do século XX.

As migracións internacionais
Carina Frid está especializada na Historia das Migracións Internacionais e na Historia Económica e, neste sentido, é autora de numerosos artigos en libros colectivos e revistas nacionais e estranxeiras, ademais de ter impartido cursos e seminarios nas universidades arxentinas e estranxeiras. Entre outros cargos, actualmente a profesora Frid está a cargo da coordinación da Área de Investigación e Documentación Histórica Parque de España, dependente do Centro de Estudios Históricos e Información Parque de España (CEHIPE), en Rosario (Arxentina).

O CEHIPE é un espacio que desde a súa fundación, en 1992, dedícase á preservación da memoria colectiva a través da conservación, catalogación e difusión dos fondos arquivísticos relativos á historia iberoamericana. Este centro ofrece diversos servicios a institucións e empresas para a análise do estado de conservación de coleccións e fondos documentais, así como o asesoramento para o seu tratamento, preservación e conversión a formato microfilme ou dixital.