----

ALEJANDRO FERNÁNDEZ: "A INMIGRACIÓN ESPAÑOLA NON GARANTIU FORTES LAZOS COMERCIAIS COA ARXENTINA"

O Consello da Cultura Galega acolleu esta mañá o relatorio do profesor da Universidade de Luján (Arxentina), Alejandro Fernández, que ofreceu as principais conclusións da súa Tese de Doutoramento na Universidade Central de Barcelona, que leu recentemente, nun relatorio baixo o título A inmigración española na Arxentina e o comercio bilateral, 1880-1935. Na súa intervención, abordou as relacións entre a inmigración e o desenvolvemento das relacións comerciais cos países de orixe dos emigrados, un traballo que levou ó profesor Fernández a un "detallado e rico coñecemento do colectivo español no período da inmigración clásica, entre 1880 e 1930", segundo asegurou o historiador, Xosé Manuel Núñez Seixas, quen fixo a presentación de Alejandro Fernández no acto que tivo lugar esta mañá no Consello da Cultura Galega.

O doutor Alejandro Fernández, tras facer fincapé en que o estudio que levou adiante "non tiña referente no caso de Arxentina, a pesares de que a finais do século XIX e principios do XX a zona do Río de la Plata tiña un grande peso no comercio con España e Italia", explicou que na súa Tese o que tentou foi "verificar en que medida os vínculos comerciais entre España e Arxentina foron reais, valorando o papel que a inmigración deste país tivo no desenvolvemento do comercio en Arxentina".

Neste sentido, Alejandro Fernández chegou a conclusión de que "existiu unha atracción no consumo de productos, fundamentalmente alimentarios, procedentes de España, pero estes lazos non chegaron a ser máis fortes co país de orixe, xa que quedaron anulados polas políticas substitutivas de producción de productos nacionais, moitas veces da man dos propios emigrantes españois, que trouxeron as técnicas e crearon a súa propia empresa en Arxentina".

"O forte desaxuste de prezo entre o mercado español e o arxentino, debido á revalidación da peseta a partir de 1920, os elevados prazos de pago que os exportadores españois tiñan que enfrontar e o excesivo proteccionismo español, que impedía a venta dos productos arxentinos no mercado español" foron outras das causas que o profesor Fernández expuxo como causas do fracaso da implantación dos productos españois no mercado arxentino, a pesar de que a colectividade española tiña un grande peso no Río de la Plata.

Balanza comercial arxentina
Para elaborar este traballo Fernández levou acabo a reconstrucción da balanza comercial, estudiando as compras de Arxentina a España e tomando como referente as exportacións procedentes de Italia. Gracias a este estudio, no que se centrou en productos como os viños comúns, o aceite de oliva e a producción téxtil, o profesor Fernández analizou tamén o funcionamento das redes comerciais en sentido inverso, é dicir, "a articulación da producción española en relación ó consumo dos emigrantes no exterior, estudiando a figura do representante da empresa exportadora no mercado arxentino".

Sen embargo, Alejandro Fernández asegurou que aínda que había relacións entre os empresarios en Arxentina, moitos deles españois, coas empresas exportadoras, "Arxentina non era un mercado cativo como o de Cuba, polo que a competencia era moi dura e España tivo moi difícil facerse un oco".