OS EXPERTOS DESTACAN QUE LA GALICE DE BOUHIER SEGUE A SER OBRA DE REFERENCIA

O medio natural no que se enmarca a obra de referencia de Abel Bouhier e o método de traballo que empregou para o estudio dos asentamentos da poboación e os cultivos, foron os eixos fundamentales en torno ós que xiraron as conferencias que distintos especialistas ofreceron esta tarde no marco do Congreso Internacional Galicia dende La Galice. Homenaxe a Abel Bouhier, que se desenvolve ata o vindeiro venres no Salón de Actos do Consello da Cultura Galega.

O catedrático de Edafoloxía da Universidade de Santiago, Francisco Díaz-Fierros, foi o encargado de facer unha análise da parte que Bouhier dedica en La Galice ó estudio do medio natural. Neste sentido, Díaz- Fierros destacou que “o medio físico non ten demasiada relevancia no traballo de Bouhier, xa que ocupa 70 páxinas das máis de 1.500 da obra” pero, asegurou, “ten a súa relevancia porque o medio é o marco no que se desenvolve todo o seu traballo sobre o cultivo galego”.

A choiva como elemento determinante dos cultivos, a deforestación dos montes e valoración das características físicas do solo, foron obxecto dunha análise crítica por parte de Díaz-Fierros, quen salientou que moitas das conclusións ás que chega Bouhier sobre a climatoloxía de Galicia son hoxe “perfectamente válidas”.

Díaz-Fierros tamén destacou o acerto de Bouhier en asegurar que as terras dedicadas tradicionalmente ó cultivo eran ás máis adecuadas para este fin polas súas características físicas, unha conclusión difícil nun momento no que a Edafoloxía estaba dando os seus primeiros pasos.

Metodoloxía de traballo
Outra das áreas que foi obxecto de estudio na xornada de onte á tarde foi a parte que Bouhier dedica ás diferentes formas de asentamento humán no terterritorio, como un dos aspectos que axudaban a entender os tipos de cultivos que se daban en Galicia no momento no que este xeógrafo estaba a facer a súa investigación, entre os anos 50, 60 e 70.

Os catedráticos de Historia Medieval da Universidade de Santiago, Mª Carmen Pallares e Hermelindo Portela, elaboraron un relatorio no que tomaron a obra de Bouhier como un punto de partida para levar a vista atrás e realizar unha lectura histórica da paisaxe galega. “A paisaxe permite ver as pegadas do pasado”, asegurou o profesor Portela, “pero é unha testemuña engañosa”. Segundo Portela, é preciso botar man dos documentos escritos, qu complementen a observación dos diferentes modos de distribución da poboación galega na Alta Idade Media (séculos IX-XIII).

Asentamentos e poder político
O relatorio que puxo fin á primeira xornada do Congreso Internacional tamén estivo encamiñada a facer unha lectura histórica da paisaxe, pero aplicada a un territorio concreto do Oeste de Francia, entre os séculos IX e X.

A cargo da profesora da Universidade de Maine, Annie Renoux, a conferencia, baixo o título Pouvoir et territoire ducal dans le Grand Ouest neustrien face aux raids bretons et scandinaves (IX-X siècle), centrouse nunha análise das variacións de que eran obxecto os asentamentos poboacións como consecuencias dos cambios producidos no poder político. Na súa intervención, a profesora Renoux centrouse en concreto na presión que sobre un ducado no Oeste de Francia tiveron os ataques de bretóns e escandinavos.